O CPXG insta a DO a retirar a súa moción sobre a veracidade da información por intromisión no traballo xornalístico

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación pola moción presentada por Democracia Ourensana para o pleno municipal deste venres, que lle atribúe ao Concello de Ourense a capacidade de xulgar sobre a veracidade da información e podería abrir a porta á presentación de demandas abusivas e á censura indirecta mediante a exclusión de cabeceiras da contratación pública. 

En relación á "Moción para a defensa da información veraz nos medios de comunicación", presentada polo grupo municipal de Democracia Ourensana para o seu debate no pleno municipal de Ourense deste venres 1 de decembro, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere comezar agradecendo a súa preocupación pola veracidade e o rigor informativo. É de celebrar que o mesmo goberno local que recibiu numerosas chamadas de atención por parte deste Colexio por vetos, ataques e desprezos reiterados a calquera xornalista que publicara información que non fora do seu agrado, critique agora o "seguidismo das fontes oficiais" e insista en que "non deben ser os gobernos os que veñan dicirnos que é verdade e que é mentira".

Porén, o Colexio de Xornalistas non pode deixar de expresar a súa preocupación polo feito de que, a pesar desta declaración de boas intencións, a iniciativa posta en marcha por Democracia Ourensana arroga precisamente para a administración local a capacidade de xulgar a veracidade da información e de decidir se esta é lesiva ou non. Resulta evidente que non é o Concello de Ourense, nin as persoas que integran a corporación municipal, quen ten a potestade de decidir sobre estas cuestións, senón que son os tribunais os únicos que poden cualificar unha información como delituosa e, no seu caso, a propia comunidade xornalística, a través dos órganos de autorregulación de que se dote, a que pode estabelecer se cumpre ou non coa deontoloxía profesional. A determinación por parte da administración de que información é considerada "lesiva" ou "veraz" podería dar lugar a un alto risco de interpretación subxectiva, que limitaría de maneira intolerábel o libre fluxo de información.

Independentemente das medidas oportunas que poida tomar a administración para apoiar legalmente os seus membros ou persoal, a proposta da moción de Democracia Ourensana corre o perigo de abrir a porta á proliferación de demandas abusivas como as que se utilizan cada vez máis para silenciar por desgaste a medios críticos. E este é un escenario que non sería beneficioso nin para os e as xornalistas, que terían aínda máis dificultades para levar a cabo o seu traballo, nin para o Concello de Ourense, cuxa reputación resultaría afectada, nin desde logo para os intereses superiores da cidadanía ourensana, que verían como aumenta o gasto público co obxectivo de coartar precisamente o seu dereito á información.

Especialmente preocupante é aínda o terceiro punto da proposta, que insta ao Concello a deixar de contratar con calquera empresa mediática que recibira algunha condena por faltar a veracidade. Ademais do feito de que non se pode estabelecer con quen debe contratar a administración local a través dunha moción, que é un acto administrativo, lembramos que calquera contratación pública está sometida ao ordeamento xurídico, especialmente á Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que sinala os motivos para excluír a unha empresa, entre os que non se encontran os que pretende aplicar Democracia Ourensana. Restrinxir a contratación de medios de comunicación baseándose en condenas xenéricas equivalería na práctica a unha forma indirecta de censura, ao poder ser utilizado pola administración para repartir dunha maneira non igualitaria o gasto público ás distintas cabeceiras. 

Por todo isto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solicita a Democracia Ourensana que retire a súa proposta de moción, dado que significa unha inxerencia intolerábel no labor informativo ou, en calquera caso, pode acabar sendo utilizada para atacar a liberdade de información. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia