O CPXG continúa a demandar a inclusión da titulación en Xornalismo entre as requiridas para a incorporación ás listas de docencia de Secundaria

Na liña de defensa da titulación e dos intereses dos xornalistas que leva a cabo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Xunta de Goberno fixo chegar á Consellería de Educación, o pasado mes de abril, as súas suxestións para que o título de Xornalismo sexa incluído entre os válidos para a incorporación ás listas de aspirantes a postos de docentes en réxime de interinidade e substitución dos corpos de mestres.

A través do portal de transparencia da Xunta de Galicia, o Colexio de Xornalistas trasladou as súas achegas ao proxecto de Orde das titulacións que permiten a incorporación ás listas de interinidade de docentes. Paralelamente, o CPXG enviou un escrito á Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no que se lle achegaba a solicitude feita a través do portal de transparencia.

No escrito, o Colexio de Xornalistas reclamaba á Xunta de Galicia que “incorpore ás listas do réxime de interinidade e substitucións de profesores de ensino secundario, as materias de Investigación e tratamento da información e Cultura audiovisual, que non aparecen no Proxecto”. No caso da materia de Cultura Audiovisual, de Bacharelato, solicitábase tamén a habilitación do Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual para poder impartila. Finalmente, pedíase “a aplicación da disposición adicional  primeira do Real Decreto 860/2010, vixente no Real Decreto 665/2015, en termos non restritivos, de tal xeito que os licenciados ou graduados na rama de Xornalismo e Comunicación poidan impartir clases de Lingua e Literatura Castelá, Lingua e Literatura Galega e Literatura e Linguas Estranxeiras co respectivo certificado de idiomas.”

Conscientes de que algunhas destas cuestións exceden a competencia autonómica, o Colexio de Xornalistas requiría á Xunta de Galicia que fixese chegar estas reclamacións ás autoridades estatais competentes, para o que se solicitaba unha reunión coa Conselleira, a fin de informala con maior profundidade da importancia da saída laboral da docencia para os profesionais do xornalismo, así como dos argumentos e posibilidades para a inclusión da titulación entre as válidas para as listas de interinidades e substitucións.

Porén, na súa resposta a Consellería de Educación limitouse a facer referencia á falta de competencias autonómicas sobre o tema, lamentando "non poder axudarvos máis" e deixando sen contestación nin a solicitude de mediación ante á autoridade estatal nin sequera a solicitude dunha reunión entre o Colexio de Xornalistas e a Conselleira.

Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas reclama que a titulación en Xornalismo sexa chave para poder acceder ás listas de substitución de docencia. Xa se solicitara o acceso dos titulados ás areas de artes plásticas e deseño da FP e tamén se criticara a apertura de listas que non contemplaban a titulación en Xornalismo para acceder a elas. A profesión de xornalista arrastra unha precaria situación desde hai anos e é obvio que as limitacións que pechan a saída da docencia a titulados en comunicación é unha lousa máis que cae sobre un sector xa moi castigado. Por todo iso, o CPXG, solicita, e seguirá a solicitar, que a implicación da Consellería de Educación se faga máis visible nunha cuestión que pode axudar a abrir novas vías profesionais para os xornalistas en paro.

No anexo a esta información podes consultar as achegas que o Colexio de Xornalistas lle fixo chegar á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

CPXG