O Colexio de Xornalistas solidarízase co seu homólogo catalán na defensa do Código Deontolóxico

Ante a situación informatva excepcional que está a vivir Cataluña nos últimos tempos, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu apoio á profesión catalana e, xunto co Col·legi de Periodistes de Catalunya, defender o Código Deontolóxico como garante duns medios de comunicación libres, plurais e democráticos.

Por isto, o Colexio de Xornalistas quere facer seu o comunicado feito público recentemente polo Col·legi, que lembra que "ningunha situación, por excepcional que sexa, debe significar un paso atrás na liberdade de expresión, un dereito fundamental recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos".

Código Deontolóxico é a ferramenta da que se dota a profesión xornalística, neste caso a catalana, para favorecer a autorregulación dos medios. As persoas que redactaron e apoiaron estes principios básicos teñen opinións, ideas e formas de pensar distintas, pero coinciden na defensa dun xornalismo libre, plural e responsábel, algo imprescindíbel para unha sociedade democrática. Esta defensa está claramente reflectida en principios como o de distinguir entre opinión e información ou o de difundir información veraz, plural e contrastada.

Contra este exercicio libre da profesión non son admisibles ningún tipo de restriccións, veñan de onde veñan e sexa o excepcional que for a situación informativa. Por iso, o Colexio de Xornalistas quere sumarse ao seu homólogo catalán na denuncia de calquera interferencia no labor xornalística, unha situación rexeitábel en calquera caso, pero especialmente grave cando proveñen de cargos ou institucións públicas ou cando sinalan e persiguen publicamente profesionais ou medios de comunicación. 

Independentemente das valoracións que cada profesional poida ter sobre a situación que se está a vivir en Cataluña, o xornalismo galego, plural e diverso como toda a cidadanía, e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que o representa, non poden menos que solidarizarse co conxunto da profesión catalana e insistir en que, por riba das opinións e ideoloxías, a liberdade de prensa é un piar básico da sociedade democrática.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia