O Colexio de Xornalistas reclama o cesamento inmediato de Miguel Ángel Rodríguez

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclama á Comunidade Autónoma de Madrid e á súa presidenta, lsabel Díaz Ayuso, o cesamento fulminante do seu xefe de gabinete, Miguel Ángel Rodríguez, ante os ataques reiterados e intolerábeis das últimas semanas a distintos xornalistas e medios de comunicación mediante ameaza, sinalamentos e propagación de noticias falsas.

O pasado 12 de marzo, o xefe de gabinete da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, Miguel Ángel Rodríguez, ameazaba por mensaxe de texto a Esther Palomera, xornalista de elDiario.es, tan só unha hora despois de que este medio publicara unha información, asinada por outros xornalistas, sobre o cobro de comisión de dous millóns de euros pola compra de máscaras durante a pandemia por parte da parella de lsabel Díaz Ayuso. O medio facía público estas ameazas na mañá do día 16 e, ao longo das seguintes horas, iriamos descubrindo máis detalles do caso, en non poucas ocasións filtradas polo propio Rodríguez e o seu entorno nunha tentativa de encadrar estas mensaxes nunha "discusión por WhatsApp" entre dúas persoas nunha "situación de confianza", algo que foi negado tanto pola xornalista como pola evidencia da conversa íntegra. 

A resposta da profesión fronte a estas ameazas foi practicamente unánime. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia facía público ese mesmo día un pronunciamento no que afirmaba que "a actitude de intimidación e as ameazas vertidas polo xefe de gabinete da presidenta de Madrid son inaceptables e o seu cesamento, inescusábel", ao tempo que se solidarizaba con toda a redacción de elDIario.es. Outras organizacións profesionais do estado tomaron posicionamentos semellantes frente a esta inxerencia intolerábel no traballo xornalístico, e mesmo un organismo internacional como Reporteiros Sen Fronteiras acabou pedindo publicamente á Comunidade de Madrid o cesamento dos ataques a xornalistas e respecto á liberdade de prensa. 

Porén, lonxe de cesar nesta actitude de intimidación, este mesmo martes 19 difundíase a noticia, obviamente falsa e desgrazadamente replicada por algúns medios, de que “xornalistas encapuchados” de elDiario.es tentaran asaltar o domicilio de lsabel Díaz Ayuso, ao tempo que se sinalaba tamén, cos seus nomes e fotos, a dous xornalistas de El País que estaban verificando informacións sobre a vivenda, acusándoos de acosr a viciñanza. Por suposto, ambos os dous medios negaron que os seus xornalistas estiveran a facer outra cousa que cumprir co seu deber profesional, sempre dentro dos límites da lei, e o propio Rodríguez recoñeceu que fora el o que difundira a loiada, pero asegurando que o fixo nunha conversa “persoal” e non no nome da Comunidade de Madrid.

Lonxe de seren unha anécdota máis da crispación política, todos estes movementos representan un ataque intolerábel á liberdade de prensa, cun plan orquestrado de desgaste que, para evitar a difusión de informacións prexudiciais ou desviar o foco de atención, non dúbida en utilizar calquera medio: a intimidación, o sinalamento e a propagación de noticias falsas. O caso é especialmente grave ao implicar a unha administración, como a Comunidade de Madrid, e utilizar información doutras instancias públicas que debera ser sempre confidencial como os nomes dos xornalistas de El País recabados polos axentes de policía que os identificaron de maneira rutinaria. Este tipo de estratexias atentan contra a liberdade de prensa, a democracia e en xeral contra todo o Estado de dereito, polo que deben ser radicalmente eliminadas da nosa sociedade.

Por todo isto, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclama o cesamento inmediato e fulminante de Miguel Ángel Rodríguez. Só con esta medida poden a Comunidade de Madrid e a súa presidenta tentar recuperar o seu papel institucional e democrático, que se viu erosionado gravemente estas semanas polos ataques do seu xefe de gabinete á liberdade de prensa. Se continuaren coa inacción ou, peor aínda, co apoio a este tipo de atropelos, significaría o aliñamento desta administración coas prácticas máis daniñas contra o exercicio do xornalismo.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia