O Colexio de Xornalistas critica que o Concello de Arzúa non esixa a titulación oficial para a contratación dun auxiliar da radio

Casa do Concello de Arzúa (Foto: P.Lameiro (CC BY-SA 3.0))

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) rexeita a convocatoria por parte do Concello de Arzúa dunha oposición libre para a contratación laboral temporal dun auxiliar da radio municipal. Na bases da convocatoria só se esixe como requisito estar en posesión do graduado no Ensino Secundario Obrigatorio. 

Tal e como consta na convocatoria pública, as funcións do posto serán as de control técnico durante a emisión da programación, colaboración na preparación da programación e colaboración na presentación dalgúns dos programas que se emitan. O Colexio de Xornalistas insiste en que este tipo de funcións non poden ser desenvolvidas por calquera senón que existe unha preparación específica, a dos estudos de xornalismo, que proporciona formación especializada no ámbito da elaboración, xestión e difusión da actividade informativa xornalística, nos seus diversos ámbitos temáticos e nos distintos medios de comunicación.

O menosprezo que supón non requirir esta titulación, especialmente censurable ao se tratar dunha convocatoria feita desde a administración pública, afecta gravemente a aqueles profesionais que cursaron os estudos oficiais e que poden acreditar cun título universitario os coñecementos precisos para o desenvolvemento das tarefas do ámbito da comunicación. Os seus intereses persoais e profesionais constrínxense ao ter que competir con persoas que non terían dereito a optar por ese determinado posto, ao non posuír a titulación necesaria para realizar esas actividades.

Lembramos que o requisito da titulación de xornalismo na convocatoria pública de prazas é unha vella demanda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e ten denunciado os casos nos que isto ocorre, mesmo en instancias xudiciais. Recentemente asinou, xunto co resto de colexios de xornalistas do Estado, o Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, que reclama a creación de postos de estrutura claramente definidos para o desenvolvemento das funcións propias do xornalismo no ámbito da comunicación social e institucional e que para realizar estas funcións sexa en todo caso criterio de selección e acceso estar en posesión do título universitario correspondente en xornalismo.

O Colexio de Xornalistas convida ao Concello de Arzúa a rectificar e corrixir a convocatoria desta oposición libre para a contratación laboral temporal dun auxiliar da radio municipal, de maneira que se esixa a titulación correspondente ás tarefas a desenvolver, respectando así os dereitos dos profesionais que cursaron os estudos oficiais e poden acreditar os coñecementos necesarios para o posto.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia