Ames, Padrón, Sanxenxo e Betanzos acollen a semana que vén os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o 25 de febreiro de 2019 no IES da Pobra do Caramiñal

A vindeira semana, 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, impartirá nove obradoiros distintos en centros de ensino de Ames (mércores 20), Padrón (mércores 20), Sanxenxo (xoves 21) e Betanzos (venres 22).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita a semana que vén o IES Plurilingüe de Ames (Bertamiráns), o IES Macías O Namorado de Padrón, o IES de Sanxenxo e o IES Francisco Aguiar de Betanzos. Así, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Mércores 20 no IES Plurilingüe de Ames (Bertamiráns), entre as 8:50 e as 10:30, entre as 10:50 e as 12:30 e entre as 12:50 e as 14:30 horas. Imparte os obradoiros Davide Fernández García.
  • Mércores 20 no IES Macías O Namorado de Padrón, entre as 9:35 e as 10:40 e entre as 10:40 e as 11:30 horas. Imparte os obradoiros Susana Bastón Carballo.
  • Xoves 21 no IES de Sanxenxo, entre as 10.20 h e as 11:50 e entre as 12:30 e as 14:00 horas. Imparte os obradoiros Alfonso González Redondo.
  • Venres 22 no IES Francisco Aguiar de Betanzos, entre as 10:35 e as 12:20 e entre as 12:20 e as 14:15 horas. Imparte os obradoiros Pablo Díaz Bouza.

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG