A FEP fai público un manifesto para as vindeiras eleccións europeas

Este luns 11, a Federación Europea de Xornalistas (FEP) lanzou o manifesto Defender o xornalismo como un ben público, que busca influir nas políticas do Parlamento Europeo que se escollerá en xuño para defender a liberdade e o pluralismo mediático a través de tres liñas principais: fomentar un xornalismo viábel, promover a seguridade dos e das xornalistas e regular o uso da Intelixencia Artificial xenerativa. 

Con motivo das eleccións ao Parlamento Europeo deste ano, que se celebrarán entre o 6 e o 9 de xuño, a Federación Europea de Xornalistas fixo público este luns 11 de marzo o manifesto Defender o xornalismo como un ben público, que pretende concienciar a sociedade sobre a necesidade dunha Unión Europea forte, comprometida co traballo polos dereitos sindicais e humanos, o Estado de dereito, a liberdade dos medios e o pluralismo dos medios. A presidenta da FEP, Maja Sever, asegurou na presentación do documento que "nos últimos anos a Unión Europea fixo máis que nunca para crear un espazo máis seguro e sustentábel para o xornalismo", pero "o xornalismo profesional independente é caro, necesita máis apoio dos poderes públicos, e non podemos deixalo simplemente nas mans do mercado".

De cara a orientar o Parlamento que sairá das eleccións de xuño no que fai á profesión xornalística, a FEP propón accións que marquen a axenda política dos próximos cinco anos, estructuradas en tres eixos: fomentar un xornalismo viábel, promover a seguridade dos e das xornalistas e regular o uso da Intelixencia Artificial (IA) xenerativa. 

Para o primeiro dos obxectivos, o manifesto propón investir masivamente nos medios a través de fontes como un financiamento público transparente ou as achegas filantrópicas, garantir a independencia e o financiamento sustentábel dos medios de servizo público, estabelecer a Tax Big Tech como remuneración garantida das plataformas que publican contidos xornalísticos, asegurar unha remuneración xusta e o cobro dereitos de autor para as e os xornalistas autónomos, e asignar un orzamento permanente da Unión Europeo destinada a cuestións como proxectos de xornalismo independente ou alfabetización mediática.

Na defensa da seguridade das e dos xornalistas, as reclamacións da FEP son facilitar un entorno seguro que os protexa da violencia física e en liña, especialmente ás comunicadoras mulleres ou procedentes de grupos marxinados; poñer fin á impunidade dos crimes contra xornalistas, recoñecer e evitar os procesos xudiciais abusivos destinados a calar os e as informadoras e impedir o despregamento ilegal de software espía contra profesionais da información.

Finalmente, no que fai á regulación da Intelixencia Artificial, o documento propón catro medidas principais: maximizar a transparencia sobre os datos de formación e o contido xerado artificialmente, facer cumprir a remuneración obrigatoria ás autoras e autores polo contido xerado pola IA a partir de traballos xornalísticos, fomentar o desenvolvemento de directrices para o uso responsable e o desenvolvemento da IA dentro do xornalismo e asegurar que a IA forme parte da formación dos traballadores e traballadoras dos medios, tamén de cara a previr calquera uso indebido da mesma para desinformar.

CPXG