A Conferencia Global para a Liberdade dos Medios aborda os retos do xornalismo

Organizada polos gobernos do Reino Unido e de Canadá, a Conferencia Global para a Liberdade dos Medios que se celebrou este 10 e 11 de xuño en Londres foi escenario de algúns posicionamentos importantes sobre o futuro da liberdade de expresión. Con todo, o veto a dous medios rusos provocou tamén unha forte polémica arredor da xuntanza.

Estes días 10 e 11 de xullo tivo lugar en Londres a Conferencia Global para a Liberdade dos Medios, coorganizada polos gobernos do Reino Unido e de Canadá para tratar temas como a protección e a persecución dos comunicadores, as diferentes lexislacións nacionais, a confianza nos medios e a loita contra a desinformación ou a sustentabilidade dos proxectos mediáticos. Trátase dun evento sen precedentes no que participaron máis de 1.000 persoas, incluíndo políticos, diplomáticos, organizacións internacionais, xornalistas, membros da sociedade civil e investigadores. Con todo, a xuntanza non está exenta de polémica, tras o veto aos medios rusos RT e Sputnik

En calquera caso, a conferencia ten posto no foco do debate algúns dos retos principais no que fai ao futuro da liberdade de expresión no mundo, e algunhas organizacións internacionais teñen aproveitado a ocasión para realizar importantes declaracións. Así, as Nacións Unidas, xunto coa Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), a Organización de Estados Americanos (OEA) e a Comisión Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos (CADHP) publicou un documento conxunto no que se presentan varios obxectivos para defender a liberdade de expresión. Pola súa banda, o Centro Europeo de Prensa e Liberdade de Medios, que agrupa a 36 organizacións de todo o mundo, realizou once demandas concretas aos gobernos de todo o mundo para garantir a seguranza dos informadores. Ademais, os gobernos organizadores anunciaron a creación dun fondo mundial para a liberdade de prensa, que estará xestionado pola Unesco.

Boa parte das ponencias, discusións e informacións sobre a Conferencia Global para a Liberdade dos Medios poden seguirse nas redes co cancelo #DefendMediaFreedom.

CPXG