Dúas novas agresións sexistas mostran de novo as dificultades que enfrontan as traballadoras dos medios

Videoxornalista traballando en Módena, Italia (Foto: Roberto Ferrari)

Os ataques sexistas sufridos nos últimos días por dúas traballadoras de televisión nos entroidos de Lantz (Navarra) e Colonia (Alemaña) volven pór o foco sobre unha violencia que sofre boa parte das mulleres xornalistas. Estas agresións son consecuencia das desigualdades de xénero e a ideoloxía patriarcal imperante na nosa sociedade, incompatíbel co libre exercicio da profesión xornalística.

A EiTB denunciaba este luns o ataque sexista sufrido por unha das súas traballadoras no entroido de Lantz (Navarra). A propia operadora de cámara, da empresa Fase 3, que cubría para a canle pública vasca o evento, relataba nunha nota en Facebook a agresión por parte de tres individuos completamente tapados. Apenas tres días antes, o venres, Esmeralda Labye, reporteira belga de Haberler, víase nunha situación similar no carnaval de Colonia, en Alemaña. 

Lonxe de seren casos illados, estas dúas noticias son unha mostra da dura realidade á que se teñen que enfrontar as traballadoras dos medios. Segundo o informe Global Report on the Status of Women in the News Media, publicado pola International Women’s Media Foundation no 2014, case a metade das mulleres xornalistas enfrontáronse ao acoso sexual, e máis dunha quinta parte, á violencia física.

Esta realidade, que ás máis das veces se silencia e moi poucas se denuncia, non é máis do que a consecuencia no eido da comunicación da desigualdade de xénero e do sistema patriarcal imperantes na nosa sociedade. Os medios e o conxunto das e dos profesionais da comunicación teñen a obriga de loitar contra esta desigualdade, mellorando a visibilidade das mulleres, eliminando os estereotipos de xénero, utilizando unha linguaxe inclusiva e promovendo a igualdade nas estruturas dos propios medios. E, por suposto, condenando sen paliativos calquera tipo de agresión sexista. Porque o libre exercicio do xornalismo só pode existir nunha sociedade non sexista.

CPXG