Xornalismo, automatización e intelixencia artificial

O Colegio de Periodistas de Castilla y León e a Fundación General de la Universidad de Salamanca organizan o curso on-line Xornalismo, automatización e intelixencia artificial, que se desenvolverá do luns 23 de outubro ao domingo 3 de decembro do 2023. O curso ten matrícula a prezo reducido para colexiados e colexiadas do CPXG.

A Intelixencia Artificial (IA) pon ao dispor dos xornalistas un repertorio amplo de capacidades e recursos para o exercicio da súa actividade profesional. Os xornalistas que saben manexar as ferramentas baseadas en IA adquiren unha sólida vantaxe á hora de facer o seu traballo. Por exemplo, mediante aplicacións de análises de datos e de verificación, a recompilación de materiais de texto, son e imaxe, a análise e a xeración automatizada de contidos e noticias, a localización de eventos ou temas na internet, a segmentación das audiencias, a optimización de procuras relevantes, precisas e fiables na rede ou a análise de sentimentos en redes sociais. Son algúns dos exemplos dun novo modelo de xornalismo que prima o uso eficiente e ético da tecnoloxía, e que se reflicte no seu traballo diario, na súa relación coas audiencias e na redución de tempos e custos, tanto para o traballo en medios como en labores de comunicación corporativa.

O obxectivo deste curso é ofrecer capacitación e información básica sobre diversas ferramentas ou programas de automatización e Intelixencia Artificial que sexan útiles para o labor xornalístico. Proporcionarase información sobre ferramentas informáticas útiles para aumentar as capacidades e a eficiencia dos xornalistas, facendo uso desde programas sinxelos ata ferramentas máis sofisticadas para a extracción de datos. As vantaxes poden resumirse na adquisición de capacidades para automatizar tarefas repetitivas de procura e recompilación de información, análise de datos, personalización de contidos, detección de información, automatización da escritura e a predición de tendencias.

O curso está dirixido por Carlos Arcilla Calderón, profesor titular do Departamento de Socioloxía e Comunicación da Universidad de Salamanca, xornalista, comunicador social e especialista en Ciencia de Datos; e coordinado por Ignacio Coll Tellechea, licenciado en Ciencias da Información pola Universidad Complutense e máster en Comunicación e Márketing pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC), que traballa como especialista en comunicación e márketing orientados ao ensino superior e a innovación. Completan o equipo docente David Blanco-Herrero, Patricia Sánchez-Holgado, Javier J. Amores e Margarita Tovar Torrealba. O custo da matrícula e de 139 euros, cun prezo reducido de 99 euros para colexiados e colexiadas do CPXG. O curso vai constar de 60 horas lectivas. O prazo de matrícula está aberto até o 20 de outubro.

Máis información e matrícula na web do Colegio Profesional de Periodistas de Castilla y León.

Documentación

Descargar todo