Google NotebookLM, a ferramenta de IA para as túas investigacións

O Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía (CPPA) organiza o día 8 de abril, entre as 16:00 e as 20:00 horas, o obradoiro ‘Google NotebookLM, a ferramenta de IA para as túas investigacións’, impartido por Carmela Ríos. O obradoiro desenvolverase en formato 100% online. En virtude dos acordos da Rede de Colexios de Xornalistas, o taller ten un prezo reducido de 35 euros para colexiados e colexiadas do CPXG.

NotebookLM é unha ferramenta de intelixencia artificial de Google pensada para traballar cos teus propios documentos e fontes: informes, artigos, PDFs, transcricións ou ligazóns. A diferenza doutros sistemas de IA, non “inventa”, senón que analiza o material que ti lle proporcionas e axúdache a resumilo, relacionalo, extraer ideas clave ou preparar enfoques informativos. Nunha formación para xornalistas pode ser especialmente útil para aprender a organizar grandes volumes de información, preparar temas complexos, verificar datos dentro dun corpus concreto e mellorar os procesos de documentación e análise sen perder o control editorial..

Carmela Ríos é xornalista experta en redes sociais e desinformación, cun mestrado en Comunicación Política e Corporativa. Foi correspondente en París de Antena 3 TV e CNN. En España ocupou a correspondencia política e xudicial para CNN e Cuatro. Leva 16 anos explorando a interacción entre o xornalismo, as redes sociais e a comunicación.

Para inscribirse, as persoas interesadas deben cubrir o formulario online. Máis información na web do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía ou no correo electrónico administracion@periodistasandalucia.es.