Diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia para persoal de comunicación
O Concello de Santiago de Compostela, en colaboración co servizo de coordinación e funcionamento da Casa das Mulleres Xohana Torres e do servizo de asesoramento LGBTIQ+ do Concello, organiza o curso de formación Diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia para persoal de comunicación, que terá lugar na Casa Xohana Torres en Santiago (Rúa de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela s/n) o luns 13 de abril de 18:00 a 20:00.
Con esta actividade gratuíta e certificada búscase achegar unha visión de conxunto e fundamentos sobre diversidade LGBTIQ+ e xurisprudencia a profesionais da comunicación, entendendo isto nun sentido amplo: xornalistas, persoal de xestión de redes (community manager), axentes de prensa e similares.
Os obxectivos do curso son achegar formación especializada sobre terminoloxía, réxime xurídico e condutas contrarias ás normas que regulan a profesión; analizar a regulación sobre diversidade ao colectivo profesional da comunicación; contribuír a un reflexo en prensa e redes das persoas LGBTIQ+ dende unha óptica de respecto, non patoloxización e recoñecemento de Dereitos Humanos; e xerar sinerxías de colaboración entre a Casa Xohana Torres e as e os profesionais da comunicación.
A actividade realizarase mesturando explicacións teóricas con exemplos prácticos e reais e con momentos de debate e participación. Após dun achegamento teórico sobre terminoloxía básica, explicarase o contexto social das persoas LGBTIQ+ con algúns exemplos do seu reflexo na prensa. A continuación explicarase a xurisprudencia en diversidade desde o Dereito Internacional, pasando polo Ordenamento Xurídico ata a deontoloxía profesional fronte a diversidade. Finalmente, trataranse as condutas de odio e comentaranse os protocolos e guías existentes sobre comunicación e diversidade.
O curso estará impartido por Miguel Vieito, avogado especialidado en Dereito contra a Discriminación, mediador, docente e responsábel de asesoramento legal no Servizo LGBTIQ+ do Concello de Santiago.
Para realizar o curso é preciso inscribirse a través do formulario web. Para máis información contactar coa Casa Xohana Torres escribindo ao enderezo electrónico casaxt@santiagodecompostela.gal ou, alternativamente, chamando ao teléfono 608 710 978.
Inscrición
Consulta o texto para os detalles da inscrición e matrícula.