Acoso e violencia sexual e laboral nos medios de comunicacion
O Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía (CPPA) organiza o día 24 de novembro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, o curso ‘Acoso e violencia sexual e laboral nos medios de comunicacion’, impartido por Lola Fernández Palenzuela. O obradoiro desenvolverase en formato 100% online. En virtude dos acordos da Rede de Colexios de Xornalistas, o taller ten un prezo reducido de 10 euros para colexiados e colexiadas do CPXG.
O curso abordará o acoso e a violencia sexual e laboral nos medios de comunicación. Verase que é acoso e que é violencia sexual, o impacto na persoa que o sofre, o impacto no colectivo de traballadores e traballadoras vinculados á persoa acosada. Tambén se abordará a lexislación e normativas nacionais e internacionais; explicarase como actuar ante o acoso por parte da vítima, das empresas, das organizacións profesionais e das administracións públicas; e analizarase o exercicio do bo xornalismo como medicamento preventivo.
Lola Fernández Palenzuela é licenciada en xornalismo pola UPV e doutora en comunicación pola UMA. É secretaria de formación do Sindicato de Periodistas de Andalucía e foi secretaria xeral deste sindicato desde a súa creación ata 2017. Foi ademais vicesecretaria da Federación de Sindicatos de Xornalistas de España e membro do Consello de Xénero da Federación Internacional de Xornalistas ata o ano 2021. Pertence á Rede Internacional de Xornalistas con Visión de Xénero e é membro fundadora da Rede Andaluza de Comunicadoras Feministas a Poderío e da Asociación de Comunicadoras de Granada. Como xornalista traballou en radio, televisión, prensa escrita e gabinetes de prensa.
A inscrición ao curso estará aberta do 16 ao 26 de outubro a través da web do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía. Máis información no correo electrónico administracion@periodistasandalucia.es.
Inscrición
Consulta o texto para os detalles da inscrición e matrícula.