Xornalistas debuxan unha cobertura do Prestige marcada polo ocultamento e o bo xornalismo
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebrou onte a mesa redonda O tratamento informativo do Prestige vinte anos despois, no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago de Compostela. No debate, Rocío Castro, Pablo González, Selina Otero, Aida Pena e Xosé Manuel Pereiro, baixo a moderación de Ana González Liste, destacaron o fito que significou a cobertura da catástrofe para a nosa profesión, e debullaron unha situación que se moveu entre a oportunidade duns medios e xornalistas galegos convertidos en referentes para a poboación e a crise que significou o apagamento informativo por parte da administración.
Así, no debate salientouse o incremento de audiencia que trouxo o afundimento do Prestige tanto para a radio (conseguindo recoñecementos como o premio Ondas para a cobertura de Radio Galicia-Cadena Ser) como para medios escritos como La Voz de Galicia. Pablo González, que cubriu a catástrofe desde ese xornal, destacou que "o bo xornalismo tamén vende", algo no que coincidiron todos os participantes. Na revolución do ecosistema mediático galego que significou a catástrofe tivo un papel moi relevante a rede, xa que, como lembrou Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do CPXG, "era a primeira crise na que actuou Internet". O xornal dixital Vieiros triplicou as súas visitas, como subliñou Rocío Castro, directora daquela do medio, en resposta á "necesidade de conseguir información alternativa" da poboación.
Porén, nas palabras de Pereiro, xornalista de TVE en Galicia e colaborador de El País naquel momento, "a peor crise de todas as do Prestige foi informativa", posto que "foi a primeira vez que houbo unha estratexia de ocultamento e de manipulación por parte do goberno". Fronte a isto, Pereiro dixo que "os xornalistas tocaron o poder, polo menos dunha maneira breve" e se organizaron no que Aida Pena, directora de informativos e contidos de Radio Galicia-Cadena Ser, cualificou como unha "loita contra a falta de transparencia das administracións públicas". "Sen o xornalismo non se tería conseguido que máis de 300.000 persoas viñeran axudar a Galicia e que unhas 100.000 persoas viñeran a Santiago a se manifestar contra a xestión política", salientou Pena. Selina Otero, que comezaba naquela altura a súa andaina xornalística en La Opinión A Coruña, asegurou que a crise foi para ela "unha especie de mestrado", coa redacción organizando un gabinete de crise e a paxinación do xornal cada vez máis centrada pola catástrofe.
Malia á difícil situación que significou a postura política de ocultamento, "a información que saiu nos medios foi esencialmente boa", afirmou Pereiro, concluindo que "hoxe, coa polarización que existe, tería sido moito peor". Pablo González quixo lembrar tamén que o reto da cobertura do Prestige segue aínda aberto, posto que "o caso está pendente das indemnizacións das aseguradoras, cun preito que se está a celebrar en Londres".
Como manifestaron os participantes no debate, a pulsión entre o ocultamento de información e o bo traballo xornalístico caracterizaron a cobertura deste momento esencial para entender a sociedade e o xornalismo galegos do século XXI. O Colexio de Xornalistas xa condenou daquela o apagamento informativo das autoridades mentres aplaudía o esforzo dos e das profesionais para informar da marea negra. Ademais, o CPXG contribuiu tamén naquela altura ao que Pena cualificou no debate como "o despertar da sociedade galega" coa organización da exposición Marea Negra, que contou coa participación de 64 fotoxornalistas galegos. As 103 imaxes da mostra chegaron a unhas 150.000 persoas, visitando dez comunidades autónomas, Portugal, e mesmo o Parlamento Europeo de Bruxelas.
CPXG