Xornalismo e ciencia con honestidade para a igualdade: Manifesto do CPXG con motivo do 8 de marzo
A covid-19 elevou a ciencia á primeira plana. Nunca antes nas nosas vidas percibiramos a información científica como un servizo público tan esencial. Nunca antes tampouco se evidenciara con tanta claridade a necesidade dunha maior alfabetización científica e mediática que nos faga menos vulnerables á manipulación e á pura infodemia. Gústame pensar que, nestes meses de distopía, como xornalistas avanzamos na parte que nos toca. Que comprendemos por fin que as científicas e os científicos deben ser fontes de información cotiás, alén do gueto do xornalismo científico; e tamén que, fronte a imaxes idealizadas, tomamos consciencia de que a práctica científica non é allea a nesgos e prexuízos de diversa índole. Intereses económicos, xeopolíticos ou de vulgar notoriedade persoal; e tamén, cómpre lembrar neste 8 de marzo e sempre, diversas formas de discriminación por motivos de xénero.
Hai pouco máis dun século que as mulleres españolas deixaron de pedirlle permiso ao Estado para accederen á universidade. Hoxe son maioría nas súas aulas e algo máis do 40% do profesorado dos campus galegos. Pero a súa visibilidade e recoñecemento, no ámbito académico e no mediático, é moi inferior. E a pandemia, segundo os primeiros estudos realizados a nivel mundial e estatal, non só non corrixiu esta infrarrepresentación senón que a agravou.
A boa ciencia, como o bo xornalismo, gaña coa diversidade das voces que a constrúen. As mulleres están a cambiar o xeito de investigar, introducindo novos puntos de vista a preguntas nunca antes formuladas pola ciencia androcéntrica. Ignorar e minusvalorar as súas achegas é, polo tanto, unha perda de coñecemento imperdoable e unha forma de discriminación sexista, por moito que se intente xustificar en nome dunha meritocracia que oculta a persistente segregación vertical. O testemuño do neurobiólogo Ben Barres, anos despois de transicionar de muller a home, ilustra en moi poucas palabras a realidade incómoda: “De lonxe, a maior diferenza que percibín é que a xente que non sabe que son transxénero me trata con moito máis respecto. Podo incluso completar unha frase enteira sen que me interrompa un home”.
Prescindir do valor do coñecemento xerado polas mulleres científicas como fonte de información e contextualización xornalística tamén empobrece o noso traballo, tanto en termos estritamente informativos como deontolóxicos. Combater as inercias das rutinas profesionais que nos afastan delas (e os prexuízos inconscientes) pagará a pena. En ocasións a tarefa requirirá un esforzo que non se limita a conseguir un número de teléfono. Cantas veces o temos comprobado?: aínda que o tema polo que se lle pregunte a un home apenas toque tanxencialmente a súa especialidade, será moito máis difícil que o pudor intelectual lle impida facer declaracións á prensa como voz autorizada cá unha compañeira do mesmo eido.
Nos últimos anos algo temos progresado cando falamos de mulleres, ciencia e medios de comunicación, pero teño a impresión de que o camiño andado se centra sobre todo na visibilización dos atrancos que as investigadoras sofren pola súa condición de xénero, mesmo por parte dunha administración pública que non acaba de ser capaz de corrixir convocatorias que prexudican as que paren e adoitan coidar das persoas menores e dependentes. É un paso necesario e a intención boa, pero cómpre avanzarmos. Cando decidimos entrevistar unha muller pola relevancia das súas contribucións intelectuais e profesionais, teimarmos en destacar o seu xénero e centrarmos as preguntas en cuestións como a conciliación da vida persoal e laboral pode converterse noutra forma de invisibilizar o seu traballo, de discriminación, cando menos mentres non se nos pase pola cabeza preguntarlles aos homes insistentemente como compaxinan crianza e carreira. Devezo por que chegue ese día. Entrementres, escoitemos máis as investigadoras, matemáticas, físicas, biólogas, historiadoras, enxeñeiras..., falando do que máis saben cada unha delas.
Falarmos de coñecemento, xénero e xornalismo implica tamén reflexionarmos sobre o que a ciencia dixo e di das mulleres. O desenvolvemento da ciencia moderna converteuse en arma lexitimadora da discriminación que sufrimos dende cativas, previamente avalada pola filosofía e a relixión. A principal diferenza na capacidade intelectual de ambos os sexos percíbese no feito de que os homes son máis eminentes en calquera cousa que emprendan, sentenciou Darwin no século XIX. No XXI o machismo –igual ca outras formas de discriminación como o racismo–, segue a atopar acubillo na ciencia, baixo teorías como as neurosexistas, que poden cegarnos en boca de quen viste unha bata branca. Ante a mala ciencia cargada de valores anticientíficos, o xornalismo honesto non pode optar polo clic garantido por calquera titular que cuestione a igualdade entre mulleres e homes en nome da natureza. A equidistancia tampouco é a solución. Ante a mala ciencia, o xornalismo honesto ten da súa parte as contribucións das científicas e científicos que tamén desenvolven o seu labor con honestidade.
Iolanda Casal
Xornalista