Xornadas "Tecendo xornalismo" sobre comunicación crítica e de servizo público

A Fundación Luzes organiza as xornadas Tecendo xornalismo, baixo a dirección de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, coa participación de destacados periodistas de Galicia, España, Portugal e Italia, para debater sobre o xornalismo crítico e de servizo público nun ambiente profesional e cun público restrinxido, os próximos 7 e 8 de outubro, no Pazo Mariñán da Coruña. As colexiadas e colexiados teñen acceso libre ás sesións previa reserva de praza.

Á tripla crise –económica, estrutural, profesional– que afecta desde hai anos ao xornalismo, sumóuselle nos últimos tempos a da credibilidade: o descubrimento de que unha parte considerable dos medios centraban o seu labor na ocultación dos feitos, ou na desnaturalización da realidade, en base a intereses espurios. De que a censura xa é unha práctica aberta. De que xa non se considera necesario contrastar as informacións que se dan, e os bulos, as mentiras e as verdades obxectivas difúndense sen distinción ningunha. A parte positiva é que nos últimos anos xurdiron medios grazas á iniciativa de profesionais, que se manteñen e consolídan grazas á implicación do seu público.

Para debater estes aspectos, a Fundación Luzes organiza as xornadas Tecendo xornalismo, que terán lugar o 7 e 8 de outubro, no coruñés Pazo Mariñán, en horario das 18:30 ás 20:00 o venres e das 12:00 ás 13:30 e das 16:30 ás 18:00 o sábado. As xornadas van contar coa presenza de destacados xornalistas de Galicia, España, Portugal e Italia, como Miguel Mora, Rosa M. Artal, Jesús Ceberio, Vanesa Jiménez, María Obelleiro, Angelo Miotto, Olga Rodríguez, Rui Araujo ou André Cunha. As xornadas desenvolveranse co seguinte programa:

7 de outubro
18,30-20,00
Tabús e silencios nos/dous medios 
  • Miguel Mora. Editor de CTXT. 
  • Rosa M. Artal. Ex redactora de TVE. Columnista de eldiario.es.
  • Jesús Ceberio. Ex director do El País.
Modera: Víctor Sampedro. Catedrático de Comunicación na URJC.
 
8 de outubro
12,00-13,30
A contracorrente. O xornalismo activista
  • Vanesa Jiménez. Directora adxunta de CTXT.
  • María Obelleiro. Directora do diario Nós
  • Angelo Miotto. Codirector revista Q Code.
Modera: Xosé Manuel Pereiro. Codirector de Luzes.
 
16,30-18,00
 Un mundo revolto. De Iraq a Ucraína
  • Olga Rodríguez. Escritora. Reporteira especializada en Oriente Medio.
  • Rui Araujo. Xornalista de investigación de Internacional.
  • André Cunha. Especialista en información dos Balcáns.
Modera: Alfonso Armada. Presidente de Honra de Reporteiros sen Fronteiras.

 

As colexiadas e colexiados teñen a posibilidade de acceder libremente ás sesións e debater presencialmente cos profesionais cualificados que participan nas Xornadas. Unicamente é necesario reservar praza en secretaria@fundacionluzes.gal antes do mércores día 5, indicando nome, número de colexiación ou medio no que traballa. As prazas serán adxudicadas por orde de petición. É recomendable así mesmo especificar se se está interesado/a en recibir un diploma de asistencia.

CPXG