Xa dispoñíbel o segundo episodio do podcast 'Poñer a voz'
Desde hoxe, xa pode escoitarse "Ondas da radio de Vigo", a segunda entrega de Poñer a voz, o podcast do Colexio de Xornalistas, realizado co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e baixo a dirección de Lucía Junquera, que reivindica o labor de Begoña Caamaño como xornalista no cadro da celebración do Día das Letras Galegas.
Neste segundo capítulo, Begoña Caamaño convertese en xornalista percorrendo as rúas de Vigo, igual que fixera tantas veces durante a súa infancia e xuventude, pero desta vez, cun micrófono na man. Tiña vinte e poucos anos. Estudara maxisterio e nos veráns buscaba traballo para poder gañar uns cartos. Así, crúzase no seu camiño unha oferta de prácticas nunha emisora, Radio Noroeste.
Poñer a voz
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.
Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
O sábado 25 de abril ás 12:00 horas, vai realizarse tamén na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela (Rúa de Galeras, s/n) un encontro periodístico ao redor da figura de Caamaño, no que participarán periodistas de varias xeracións.
CPXG