Vide Vide!, Creativas Galegas e Código Cero, recoñecidos co Premio Manuel Beiras 2021

O alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e o Concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol, cos gañadores dos Premios Manuel Beiras

Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse na tarde do luns 21 de decembro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O espazo enocultural Vide Vide!, o colectivo Creativas Galegas e o medio de comunicación Código Cero foron os premiados nesta XXII edición. 

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron onte os premios da vixésima edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde a súa creación no ano 2000 coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo representado polo secretario da Xunta de Goberno, Darío Janeiro Pereira.

Entre as empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Vide Vide!, da que o xurado valorou "o feito de ser un espazo comercial para quen sabe de viño e para quen non, onde mercar, valorar e aprender van da man para, coa calidade do produto como punto de partida e a nosa lingua como vehículo, viaxar pola xeografía e pola historia deste país". Na categoría de nova incorporación ao galego o galardón recaeu na empresa Creativas Galegas, "por ser unha aposta en feminino e por abrir no corazón da Cidade Histórica unha ventá á creatividade máis orixinal e auténtica". O xurado acordou tamén conceder o Premio Manuel Beiras á innovación no uso do galego a Código Cero, "unha impagable contribución a que a nosa lingua estea na vangarda" logo de vinte anos dando conta das innovacións no sector TIC e interconectando o tecido empresarial vinculado a el.

Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago e presentado polo actor, guionista e monologuista Federico Pérez, que contou coa presenza de Xaime Leiro en representación do Colexio de Xornalistas. 

CPXG