Unha revista para o xornalismo social

Comunicación e Cidadanía, Revista Internacional de Xornalismo Social – Social Journalism International Review é o título da nova publicación do Observatorio dos Medios. Esta revista busca integrar nun só espazo de reflexión o ámbito da investigación académica coa sensibilización e a participación social e profesional.
A revista céntrase na análise, na teorización e na crítica das ligazóns existentes entre o tecido organizativo da sociedade civil, os profesionais da información e a comunidade universitaria.

O primeiro número desta publicación terá carácter monográfico abordando o amplo abano que constitúe o binomio Comunicación e Xénero. Constará de aproximadamente unha vintena de artigos, previamente discutidos no marco do Foro Internacional sobre Comunicación e Xénero, elaborados por profesionais e investigadores/as de numerosos países.

Os seguintes volumes, que irán aparecendo durante 2007, tratarán en detalle outros ámbitos como as discapacidades, a mocidade ou as persoas maiores, establecendo sempre ligazóns co campo da comunicación. Estas publicacións responderán igualmente ao froito do traballo a desenvolver nos diversos foros temáticos internacionais organizados polo Observatorio Galego dos Medios.