Últimos días para presentarse á VII Bolsa Nacho Mirás
O xoves que vén, 30 de xuño, remata o prazo para presentarse á sétima bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A bolsa está organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, e ten unha dotación de 6.000 euros.
Poden concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2022, 2021, 2020, 2019 ou 2018) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A dotación de 6.000 euros da bolsa poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.
Máis información aquí.
CPXG