Temor na profesión ante unha Lei Europea de Medios que podería abrir a porta á espionaxe de xornalistas

A Lei Europea de Liberdade de Medios atópase na súa fase final e espérase que chegue ao Parlamento Europeo a primeiros de outubro. Mais as últimas modificacións no articulado introducen excepcións á prohibición da espionaxe a profesionais da comunicación, o que provocou protestas no seo da profesión. Fronte á súa probábel aprobación, hoxe facíase pública unha carta, aberta á recollida de máis sinaturas, na que 200 xornalistas esixen aos parlamentarios a eliminación destas excepcións. 

A futura Lei Europea de Liberdade de Medios de Comunicación, está a provocar unha grave preocupación na profesión, posto que o debía ser unha normativa para protexer a independencia informativa pode converterse na legalización da espionaxe a xornalistas. A lei foi aprobada o xoves pasado pola Comisión de Cultura e Educación, que introduciu algunhas emendas no seu articulado, pero segue sen modificarse o polémico artigo cuarto, e todo indica que a lei será aprobada polo pleno do Parlamento Europeo, nunha votación que está prevista para comezos do mes de outubro.

A proposta de regulamento está dispoñíbel desde setembro do ano pasado, cando se presentou na Comisión Europea como unha medida para "protexer a independencia editorial, prohibir a espionaxe a xornalistas, garantir a independencia e o mantemento dos medios públicos, supervisar a concentración mediática, regular a publicidade institucional ou protexer o contido online, ademais da creación dun órgano regulador europeo en materia de comunicación". Mais en xuño deste ano, Francia, co apoio explícito de Alemaña, Chequia, Grecia, Luxemburgo e os Países Baixos, conseguía introducir unha emenda ao artígo 4, que matizaba que a protección das fontes e a prohibición do uso do spyware contra xornalistas "se entende sen prexuízo da responsabilidade dos Estados membros de salvagardar a seguridade nacional".

Esta modificación causou unha indignación xeral entre as e os xornalistas. Ese mesmo mes de xuño, oitenta organizacións de liberdade de medios e de dereitos humanos de toda Europa, incluíndo editoras, organismos de radiodifusión e sindicatos, enviaron unha carta aberta aos membros da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo, esixindo eliminar a excepción da seguridade nacional, restrinxir a lista de delitos que permite medidas represivas contra xornalistas e fontes e prohibir o uso de spyware, e incluír mellores salvagardas para a protección e o respecto ao traballo xornalístico libre e independente. Entre as asinantes encontrábanse a Federación Europea de Xornalistas, a Unión Europea de Radiodifusión, o Consello de Editores Europeos, Reporteiros Sen Fronteiras, o Instituto Internacional de Prensa, o Comité para a Protección dos Xornalistas, o Centro Europeo para a Prensa e a Liberdade dos Medioso Grup de Periodistes Ramon Barnils ou o Sindicato dos Jornalistas

A moi probábel aprobación da norma, no seu estado actual, a comezos do vindeiro mes, está a provocar novas mobilizacións para tentar evitar que se consume este ataque á liberdade de prensa. Hoxe mesmo, facíase pública un documento, impulsado por European Digital Rights e a Federación Europea de Xornalistas, no que máis de 200 xornalistas de toda Europa para que o Parlamento Europeo prohiba de maneira tallante calquera tipo de espionaxe aos e ás comunicadoras. A recollida de sinaturas segue aberta para profesionais que traballen na Unión Europea, que poden asinar a carta aberta a través deste formulario

CPXG