Tareixa Navaza: "Recoñezo que ás mulleres nos custa sangue, suor e bágoas ir subindo chanzos"
A carreira xornalística de Tareixa Navaza (Santiago de Compostela, 1947) quedou marcada o 28 de xuño de 1984, o día en que retransmitiu en directo en TVE a chegada dos restos de Castelao a Galicia, seguindo o percorrido desde o aeroporto ata San Domingos de Bonaval. A delegación da Televisión Española en Galicia era a única canle e Navaza foi das primeiras en incorporarse a ela, compaxinando durante anos o seu traballo en Radio Galicia-Cadena SER, onde comezou sendo aínda unha rapaza de COU, que precisou da sinatura dos seus pais para formalizar o contrato.
A narración do regreso de Castelao marcou a Navaza no profesional, pois tras ese exercicio de dignidade e honestidade xornalística que realizou para TVE, contextualizando a figura do artista e, sobre todo, do político galego finado en Bos Aires, foi relegada e apartada da pantalla e dos micrófonos ata practicamente o final da súa vida laboral.
Tareixa Navaza é agora un dos principais apoios públicos das traballadoras e traballadores da CRTVG –CSAG segundo a lei aprobada este 2025– e converteuse na portavoz da agrupación de colectivos e sindicatos que recolleu sinaturas para levar ao Parlamento o debate sobre a necesidade de que os medios de comunicación públicos estean libres de inxerencias políticas.
Situémonos no primeiro día no que traballou como xornalista profesional.
Foi en Radio Galicia, a primeira emisora de radio deste país. O primeiro locutor foi Antonio Fraguas, con 28 anos, e naceu practicamente para facer a campaña do Estatuto e o plebiscito de Galicia. Por eses micrófonos, primeiro en San Domingos de Bonaval e logo en Mazarelos, onde eu empecei traballar, pasaron Castelao, Maside, Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo... Na miña casa eramos moi de radio, sempre escoitábamos o que era a Unión Radio, que logo foi a Cadena SER. Un día, escoito que se precisaba unha locutora, e sen comentarlle nada ao meu pai, díxenlle a miña nai se me acompañaba. Acompañoume, fixen unhas probas, fun dous días, e ao xefe de persoal, o señor Fernández, gustoulle como o facía. Naquel momento, eu estaba facendo COU e meus pais tiveron que asinar. Facías de todo, era a última en saír da radio e pechaba a porta. Sobre todo, collías necrolóxicas porque era imposible facer información. Vivía Franco, porque empecei na Ser a finais de 1965. O meu primeiro director era un franquista, un fascista total e absoluto. Fora radiotelegrafista en plena guerra, e tiña tal obsesión co bando gañador de Burgos, que se poñía na portada do locutorio e dicíame: “Hable usted como si fuese de Burgos”. Foi tanta a tensión… Era unha época na que só había radionovelas toda a tarde. Para min, tres mestres foron Isabel Carou, a nai de Manuel Fraga (o xornalista), Ángel de la Peña e Arturo Rey.
Unha noite que puxen ás once a Concha Velasco, que acaba de saír La chica Ye-Ye, bloqueouse o teléfono da emisora e, menos guapa, chamáronme de todo, de puta para arriba, por poñer esa canción. Case todos os discos estaban prohibidos, pero eu poñía o que podía ata que o de persoal raiaba o vinilo para que non o programase. Foron uns anos duros, de aprendizaxe, eu nunca vira un micrófono; pero logo chegou de director unha persoa nova que viña da SER de Madrid, con moitísima experiencia, e empezounos a distribuír. En lugar de falar de programas informativos dicían “cuestións de actualidade”, pero aí empezan o que hoxe é Hora 25, Hoy por Hoy e ata Los 40 Principales. Entón, Basilio Rogado ponme a min para a SER Galicia para toda España. Un reto tremendo porque non había móbiles, non había nada para consultar, non había nin fax, é que non tiñas nada na emisora. Funcionaba a golpe de teléfono, chamando amigos a La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región para que me contasen as noticias máis importantes. Eu tiña que anotalas, facer unha selección e venderllas aos meus compañeiros de Madrid. Manuel Martín Ferrán era o director e dicía: “Ahora vamos a Galicia, que está la compañera con el arma preparada”. Para min foi unha aprendizaxe extraordinaria, os compañeiros que atopei neses programas foron verdadeiros mestres. Digo sempre que a radio foi a miña universidade. Traballei nos tres medios: prensa, radio e televisión; pero a radio paréceme máxica, reinvéntase cada día e ten unha saúde de ferro.
Non sei se naquel momento puido percibir o machismo na profesión, pero como o ve desde o día de hoxe?
Eu distingo o que me pasou a min e o tema das mulleres. Sempre digo que cando pola miña vida foron pasando persoas con poder nos medios, que eran intelixentes e brillantes, nunca tiven problemas. O malo foi cando encontrei en cargos a persoas grises, no sentido de que pensaban que rodearse de equipos con valía os ennegrecía a eles. Cando é todo o contrario: alguén que é intelixente e quere crear un bo equipo busca os mellores para que o fagan crecer. Eu sempre tiven moitos problemas, pero moitos máis en televisión que na radio. Na radio tiven esa oportunidade, que aproveitei, e atopei un bo diálogo de valoración. Recoñezo que ás mulleres nos custa sangue, suor e bágoas ir subindo chanzos. Lía o outro día que terán que pasar 130 anos para que as mulleres atopen igualdade, e falo de mulleres no mundo occidental. Cantas mulleres hai que dirixan medios? Cantas mulleres hai en cargos como, por exemplo, responsables de economía? Normalmente, para as mulleres eran o cotilleo, o suceso e algunha historia. Pero eu tiven a sorte de que para pasar o tránsito á tele, que compartín radio e televisión sete anos, de estar nun momento importante e interesante, porque a min me escoitaban en facetas moi diferentes, moi serias, porque eu transmitía cada noite os problemas da autoestrada do Atlántico cando se crea, das Encrobas ou a celulosa de Pontevedra. Emocionábame moito que me chamasen os afectados das Encrobas, que estaban arredor dunha fogueira escoitando a radio, agardando que eu comentase algo deles. En televisión tiven moitos problemas, non na etapa inicial con Luis Mariñas, pero si con outros directores que me dicían que era moi boa profesional pero que mellor ían poñer a unha rapaza nova e con minisaia. Lembro facendo un programa do Entroido, na época de [Manuel] Lombao como director, con dous compañeiros comentando os corpos dun grupo de brasileiras que estaba animando as rúas de Lalín. Cando me toca falar a min boto un discurso feminista porque aquilo me parecía ofensivo, pero foi tan tremendo que me chamou o segundo de a bordo para dicirme que houbera protestas pola miña intervención. Contesteille que eu protestaba como muller e como profesional. Non se pode dicir esas cousas ao público.
As mulleres, á parte de pouco respecto, tiveron que ir salvando as circunstancias, sen conciliacións nin nada diso. Por que as mulleres non están en cargos? Pois porque ás veces che ofrecen algo pero a túa vida persoal non cho permite. E logo creo que temos un concepto da perfección que pensamos que non imos ser quen de facer o noso traballo. Un día dixen nun acto público: “O día que no Parlamento haxa tantas aparvadas como aparvados hai, entón estaremos xa moi próximos á igualdade”. Creo que as mulleres nos poñemos sempre a barreira moi alta, pero é que sempre hai problemas de bullying, bótanche a cambadela e cando se acende o micrófono ou a cámara tes que facer un exercicio de “aquí estou, débome á audiencia”, porque a xente non ten culpa da miña situación física nin laboral, e hai que dar o mellor. Con todo, as mulleres témolo moi cru e aínda o seguimos tendo.
Moi cru. Aínda que agora xa se pode falar máis de todos estes casos de acoso sexual, de agresións e de intimidación que vivimos.
Mesmo da xudicatura, porque aínda se lle dá máis valor ás declaracións dun señor. Estou lembrando agora do Caso Alves ou mesmo das declaracións daquel xuíz do Caso da Manada que dicía que vía “boureo” na muller agredida. É que houbo unha transición, pero non houbo unha ruptura; e a parte máis fascista, máis franquista, tamén seguiu na xudicatura, no exército e en parte da política. Fixéronse demócratas da noite á mañá para seguir utilizando a democracia, para seguir facendo autoritarismo, e agora digo que tamén fascismo. Estamos nunha situación, xa o dixen hai tempo na miña defensa das compañeiras e compañeiros da CRTVG, na que a democracia está en perigo. A democracia hai que coidala cada día, non podemos pensar que xa está todo conseguido, temos que estar loitando para manter aquilo que conseguimos. E ollo, porque cando Estados Unidos esbirra, nós collemos unha pneumonía. Son tempos duros, non hai que baixar a garda.
A democracia non se entende sen uns medios públicos de comunicación.
Que son ben necesarios, básicos e fundamentais.
En Galicia levamos máis de sete anos de mobilización do colectivo Defende A Galega, tivemos a primeira folga indefinida nos medios públicos do país en 2024 e vostede decide que vai dar a cara polo que reclaman as profesionais da CRTVG. Cre que pode haber algunha solución despois de tanto tempo e que este problema chegue realmente á cidadanía?
A estas alturas da película eu digo que unha porcentaxe moi importante de culpa a ten a cidadanía. Eu dígolle aos compañeiros e compañeiras da CRTVG que isto terá que ter un límite. Chegará un momento que todo se torne de novo, pero ata que a cidadanía non se decate de que é o alicerce democrático dun país non pasará nada. Se os medios públicos, a Radio Galega e a Televisión de Galicia, funcionasen realmente como medio público e contasen o que está pasando na sanidade, que pasa coa contaminación ou que pasa con esa monstruosidade de Altri non teriamos que estar manifestándonos na rúa. Os medios públicos informan a unha porcentaxe elevadísima da cidadanía deste país, pero cando empezan a sentir en carne propia que a mina que poñen vai deixar o territorio estéril e contaminado, que non imos atopar marisco ou que non vai haber pesca espero que empecen a reaccionar.
As mentiras son tan inmensas desde o poder, é tan basta a mensaxe que é imposible que non te deas conta de que te están ofendendo, que nos tratan como se fósemos incapaces de entender. A cidadanía ten que espertar, pero estar informada hoxe custa moito traballo, hai que ler moito e buscar información doutros países, ler a xente que sabe de temas determinados. Aquí póñenche a catro compañeiras ou compañeiros que falan da física cuántica, do turismo e da transexualidade, e son expertos en todo, nunca hai algún que diga que non opina porque non sabe. Estar informada custa porque é moi cómodo deixarte levar mentres fas o café e che contan catro contos dos irmáns Grimm e vas tan feliz ao traballo, pero claro, chegará un momento no que chamen por ti e non haberá ninguén que te defenda.
Como cre que poderían os medios agora separarse da ditadura da “última hora” e do clickbait? Que se pode facer para que a xente realmente aprecie o valor que ten para si mesma estar informada?
Hai un sector pequeno da poboación que valora o que se fixo, e o que facedes cada día, co tema da CRTVG. Eu entendo que cando se presentou a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na defensa dos medios públicos no Parlamento, na que eu participo, houbo medios que non informaron absolutamente de nada e seguiron todo o tempo sen informar. Están pagando o prezo do que lles dá a Xunta para que sigan existindo como radios ou como xornais. E están pagando o prezo de facer nos seus medios audiovisuais noticias que facilitan para a CRTVG. Están pagando o prezo de que moitos dos profesores de Xornalismo son cargos na radio e na televisión públicas de Galicia. Como se pode entender que haxa unha Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago que non teña sacado notas de apoio para que funcionen os medios públicos deste país con dignidade? Como medios públicos só se deben á cidadanía, non son o gabinete de comunicación do partido que estea no Goberno. Dá o mesmo que estea o PSOE ou que estea o BNG, pero está o PP. Agás uns anos, sempre foi o PP quen mandou. A sociedade necesita uns medios de comunicación públicos, que non é que permitan que fale todo o mundo, senón que, con xente seria e con formación, teñen que axudar a crear unha opinión demócrata no país.
A min non me pasou nada por este apoio de momento, pero si que me eliminaron de actos. Pero a estas alturas non me preocupa, porque sufrín tanto, estiven a metade da miña vida nos corredores, sancionada por loitar por aquilo que consideraba digno. Que a cidadanía non teña en conta que o alicerce de calquera sociedade democrática son uns medios de comunicación públicos... Que fixo Trump nos Estados Unidos? Vetar medios de comunicación, o Washington Post deixou de facer editoriais críticos... Se a xente cre que lendo as follas parroquiais de cada pobo e vila deste país se está informando, é que teño que rir. A estas alturas hai que facer un pequeno esforzo e cada cidadán deste país é responsable, en certa medida, do que vota. Hai que ser así de claros. A época que vivimos é moi difícil, pero non hai que deixar de loitar. Houbo momentos difíciles nos que a xente valiosa pelexou con dignidade. Por iso, valoro moitísimo as persoas que non vos autocensurades porque hai moitas compañeiras e compañeiros xornalistas que aplican a autocensura e non loitan por unha noticia, e ao mellor resulta que poderían ter colado esa información, pero xa non o intentan. A información é un dereito fundamental da cidadanía, está recollido na Constitución, e estámosllo furtando porque non é que non deamos unha nova, é que se a damos vai manipulada, terxiversada e contamos bulos... Non sei se durmirán, dubido que teñan conciencia. Pero eu, como di a outra, prefiro ir fregar escaleiras antes de estar nun sitio onde non podo desenvolver o meu código deontolóxico. Se non, para que estás no xornalismo?
Esta pregunta é chave porque con tanta atención que se nos vai nas redes sociais e compartindo as informacións nas diferentes plataformas, ás veces parece que estamos pervertendo a base fundamental da profesión, que era o que honrabades vós na radio cando vos deixaban.
Unhas compañeiras e compañeiros do comité de folga da CRTVG, despois de moito pedir, conseguiron ir falar a dúas clases de Xornalismo e o alumnado non tiña nin idea do que estaba pasando cos medios públicos. A min paréceme que iso xa é demoledor, que os estudantes non saiban absolutamente nada.
Eu estiven oito anos no Consello de Administración da CRTVG e sempre viñan alumnos dos últimos cursos porque debían facer un traballo sobre para que servía un Consello de Administración dun medio público. Por desviación da miña profesión, eu sempre lles facía preguntas e contábanme que os profesores lles dicían que non podían ser críticos. Como lle dis a uns xornalistas que non poden ser críticos se nesta profesión é fundamental ter curiosidade e ser crítico? Outra cousa é dicirlles: “mira, ser crítico non o perdas nunca, pero segundo en que empresa esteas, haberá unha liña editorial á que te terás que axustar, pode ser unha liña editorial moi conservadora, mesmo monárquica, pero ao mellor culturalmente permíteche facer cousas...” Cando desde unha facultade na que estás formando os homes e mulleres que van dar a información a este país lles dis que non poden ser críticos, a min xa mo dis todo. Non podo entender que non haxa un apoio da Facultade de Ciencias da Comunicación a este tema da CRTVG porque isto non funciona. Se me preguntan, eu son da opinión de que as mulleres e homes que se queiran dedicar a isto non deberan estudar Xornalismo, estudarían calquera outra carreira porque a parte tecnolóxica e técnica xa a aprendes. Ao meu parecer son marabillosas as escolas xornalísticas que hai en Catalunya, pero tal e como está montada, eu non lle vexo razón de ser á facultade de aquí. Eu creo que tes que ser crítica con aquilo que máis que- res porque se cando fan algo que ti cres que é incorrecto, non o denuncias, que forza moral e ética tes para criticar cando o fan os outros?
Pero iso ten un prezo.
Desde logo non che dan cargos, nin cartos para facer historias, nin es dos dez que manexan a cultura no país. Non estás aí, pero polo menos estás minimamente contenta contigo mesma.
Por outra banda, a precariedade é moita agora mesmo no xornalismo. Cada vez hai máis profesionais que teñen que ser autónomas, e que son, en moitos casos, falsas autónomas. Resulta moi difícil entrar cun contrato nun medio, e quen entra nos medios privados faino cunhas condicións laborais bastante peores que a pouca xente veterana que queda, pois tamén estamos vendo como os medios galegos están empezando a desfacerse da xente que leva máis tempo.
Eu coñezo compañeiros que marcharon, cando puideron, conseguiron a prexubilación e así puideron marchar. Pero eu admiro a un grupo de persoas que está loitando, que ides a contracorrente. Aos da CRTVG xa lles digo que para min están na mitoloxía deste país, e rin, pero é que me encanta porque todos me parecedes pequenos David contra un Goliat brutal. Vós, á parte desas condicións terribles nas que traballades, tedes que estar cubrindo unha gran cantidade de informacións distintas ao día, que case non che dá tempo a saber o que pasa aí e quen é a persoa que ides entrevistar. Non tedes, literalmente, tempo. É dicir, nin para pensar en ter unha vida persoal un pouco dedicada a ti. Porque, ademais, creo que as persoas que traballamos na comunicación somos como un saco, e o saco tes que enchelo de cousas, porque te tes que enriquecer dalgunha maneira coa literatura, coa música, co teatro, co cine… e se ti non podes facer iso, de que lle vas falar á audiencia, aos lectores e aos oíntes?
Estando a profesión como está agora, se sucede un acontecemento como a chegada dos restos de Castelao a Galicia, cre que tería aguantado en directo naquela retransmisión?
Acontece que está de director do centro territorial de TVE en Ga- licia Alexandre Cribeiro, que o seu pai foi un mestre represaliado, amigo de Castelao. Alexandre Cribeiro é dos que fundara o Grupo Brais Pinto, aquel colectivo de estudantes e traballadores en Madrid, no que estaban desde Ferrín ata Herminio Barreiro, Uxío Novoneyra, Ramón Lorenzo e Bernardino Graña. De pronto, din que veñen os restos de Castelao e poñémonos mans á obra. Polo menos eramos setenta persoas no cadro de persoal e todo o mundo, independentemente da súa ideoloxía, decidimos amosar a nosa profesionalidade. Era a única televisión que había en Galicia. Pero como aquilo tiña unha contestación, quixeron traelo para sepultalo e enterralo definitivamente, pois cando morre se prohibe que se diga que morrera o político, e se dicía algo de política había que engadir “que Deus o perdoe porque estivo errado toda a súa vida”. A min chámame Cribeiro ao seu despacho e dime que teño que facer a retransmisión desde que saia do aeroporto. Con liberdade total, dixo: “ti decides que vas contar”. Estiven dándolle voltas varios días. Podía facer unha biografía pero quixen falar do Castelao político, o que estaba prohibido, do que ninguén falaba. Preparei para ler fragmentos de Sempre en Galiza. De Valentín Paz-Andrade lería cousas da biografía que escribira, Castelao na luz e na sombra; de Luís Soto, Castelao, a U.P.G. e outras memorias; e Uxío Novoneyra gravara tres días antes da chegada o poema de Ramón Cabanillas, Irmán Daniel, que era espectacular escoitalo.
Facendo a retransmisión en directo, non se furtaron ningunhas imaxes da malleira que, de maneira politicamente correcta dirías, do desprazamento da masa congregada. Eu estaba mirando desde a unidade móbil, que estaba situada onde está agora o Centro Galego de Arte Contemporánea, e en todas as pantallas estaba vendo as imaxes que nos estaban mostrando os cámaras: empezaba a amontoarse a xente, cada vez había máis policía e aquilo alí se respiraba como unha cousa tensa. Non se furtaron ningunha das imaxes e, mentres estivo a cousa no aeroporto, pois moi ben. Pero é que con Cribeiro –eu sóubeno despois– estaba o gobernador civil da Coruña, e cando eu empezo a falar dille que corte a retransmisión, pero Cribeiro di que non. Seguiu e, ao final, cando saín da unidade móbil fun con outro compañeiro ata Raxoi e Cribeiro, con bágoas nos ollos, dime: “Tareixa, moi ben, moi emocionante, todo moi ben. Isto cústame o posto de traballo”. E efectivamente, isto foi en xuño e en outubro mandárono para Madrid e metérono no arquivo e eu, unido ao tema do apoio contra a reconversión naval de Ferrol e Vigo, pasei a miña profesión polos corredores, ata me chegaron a meter nunha especie de faiado, sen practicamente luz. Cando volvín do Consello de Administración da CRTVG, puxéronme nunha zona lonxe da redacción, sen ordenador e sen nada. Pero eu son unha cidadá e facía a miña vida reivindicativa fóra, porque son unha cidadá e teño dereito a opinar sobre a violencia contra as mulleres, sobre o atentado ao medio ambiente, sobre a obxección de conciencia... Eu non deixei nunca de dar a batalla, o que si, nunca me viron triste. Ao inimigo non lle ía dar a satisfacción de estar deprimida no traballo, levaba libros, revistas e lía. Poñía voz aos textos que eles me mandaban e punto. Prefiro iso corenta mil veces a ter que asinar unha noticia co meu nome, manipulada, terxiversada e enganando a cidadanía. Prefiro estar nun corredor e durmir con certa tranquilidade, sen pastillas.
Pois iso é revolucionario, está claro.
Pois mira, oxalá tivera 40 anos e non 78 cumpridos en xaneiro.
Eu doulle as grazas.
E eu a todas as que estades no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia por todo o que facedes. É moi admirable, de verdade, confiamos en vós. Se hai salvación, está nas vosas mans. As vellas e os vellos axudaremos o que poidamos, pero está en vós.
A min xa me parece un milagre que as compañeiras e compañeiros da CRTVG aguantasen. Teñen un mérito que a cidadanía lles terá que recoñecer e dedicar unha praza en cada pobo deste país, porque están defendendo non cobrar máis, senón os dereitos que teñen recollidos na Constitución cada cidadá e cidadán deste país: o dereito a unha información libre e veraz.
ANA GONZÁLEZ LISTE
Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña
