Sancionados os xornalistas Axier López e Raúl Capín

Manifestación contra a Lei Mordaza en Madrid o 20 de decembro de 2014.

Axier López, xornalista da revista vasca Argia, foi multado a semana pasada en aplicación da Lei Mordaza. Case ao mesmo tempo, coñecíase a condena do fotoxornalista Raúl Capín por parte dun xulgado do penal madrileño.

Esta última semana saldouse con dúas medidas sancionadoras contra profesionais do xornalismo. Hai cinco días, Axier López, xornalista da revista vasca Argia, foi multado con 601 euros, en aplicación da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como "Lei Mordaza", por publicar "sen autorización" na súa conta de Twitter a foto dunha operación policial durante un corte reivindicativo na autoestrada A8. O comunicador declarou que "o mellor que podemos facer coa Lei Mordaza é desobedecela" e o equipo da revista asegurou que non pagarán a multa

O pasado venres coñecíase tamén que un xulgado do penal de Madrid condenara ao fotoxornalista Raúl Capín ao pagamento dun total de 1.260 euros pola acusación de agresión a un axente de policía á que se enfrontaba. Capín,  colaborador habitual de Diario Independiente Digital e Mundo Obrero, fora detido hai xa dous anos, logo da manifestación celebrada o 23 de febreiro de 2013 en Madrid baixo o lema Marea Ciudadana. A sanción imposta é moi inferior á solicitada pola Fiscalía, mais o fotógrafo xa anunciou que vai recorrer a sentenza. 

A Lei Mordaza xa fora utilizada pola Subdelegación do Goberno de Burgos para incoar un expediente sancionador a un fotógrafo do Diario de Burgos no pasado mes de marzo.  Naquela altura, o Colegio de Periodistas de Castilla y León reclamou que se teña en conta o dereito á información á hora de aplicar a lei. Agora, tras as últimas sancións, Reporteiros sen Fronteiras aproveita para reiterar o seu rexeitamento á Lei Mordaza. 

O martes pasado, cos únicos votos en contra dos deputados do PP, o Congreso aprobou instar ao Goberno a que derogue a Lei de Seguridade Cidadá. 

CPXG