RSF publica a Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa, na que España cae catro postos

Reporteiros Sen Fronteiras vén de facer pública a súa Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa e alerta sobre os perigos da "industria do engano". Só oito países, todos europeos, entran na categoría de condicións moi favorábeis para o exercicio do xornalismo nunha lista marcada pola grande volatibilidade. España retrocede catro postos e cae ao 36, por causa da precariedade, a Lei Mordaza, as denuncias SLAPP e o aumento da politización. 

Coincidindo co Día Internacional da Liberdade de Prensa, Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) publicou este mércores 3 de maio a súa Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa no 2023, que destaca os "dramáticos efectos" do que cualifica como “a industria do engano” no ecosistema dixital: a implicación de actores políticos en campañas de desinformación masiva ou de propaganda, de maneira regular o sistemática, denunciada polas voces expertas en dous terzos dos países avaliados. A organización internacional conclúe que "as condicións para o exercicio do xornalismo son adversas en 7 de cada 10 países" e só cualifica como "boa" a dos oito estados que encabezan a lista: Noruega, Irlanda, Dinamarca, Suecia, Finlandia, Países Baixos, Lituania e Estonia.

No que fai á clasificación por rexións, Europa é a zona do mundo con condicións máis favorábeis para exercer o xornalismo, mentres que América xa non ten ningún país en verde no mapa da liberdade de prensa. África tivo algunhas melloras significativas, como o caso de Botswana, que ascendeu 30 postos, pero en xeral informar virou máis complexo nese continente. A rexión Asia-Pacífico concentra algúns dos peores réximes na clasificación (entre eles os tres últimos: Vietnam, China e Corea do Norte), e por último a zona Magreb-Oriente Medio sigue a ser a máis perigosa para as e os comunicadores, con máis da metade dos países nunha situación "moi grave". Christophe Deloire, secretario xeral de RSF, salientou que a clasificación "mostra unha grande volatilidade, con subas e baixadas importantes" debidas a "un agravamento da agresividade do poder en moitos países e da animadversión crecente cara aos xornalistas nas redes sociais e no mundo non virtual".

España retrocede catro postos na clasificación e cae do 32 ao 36, sen saír do grupo de países cunha "situación máis ben boa", pero con obstáculos á liberdade de información. Entre as causas para este descenso, Reporteiros Sen Fronteiras cita a "precariedade preocupante e xa cronificada" (co indicador económico como o que rexistra o peor resultado dentro dos do país), o empeoramento do indicador legal e xurídico (marcado tanto polas expectativas desfavorábeis sobre a derogación dos artigos máis prexudiciais da “Lei Mordaza” como polo aumento das denuncias SLAPP) e a forte politización dos medios de comunicación.

CPXG