RSF maniféstase en favor da liberación do camarógrafo Sami Al-Haj, detido en Guantánamo

Militantes de Reporteiros Sen Fronteiras (RSF), representantes de Al Jazeera e membros do Comité Arabe de Dereitos Humanos e doutras organizacións, concentráronse este 8 de febreiro de 2007 diante da sede parisiense da televisión qatarí.
Reclamaban a liberdade de Sami Al-Haj, axudante de cámara da canle, detido desde o 13 de xuño de 2002 na base militar norteamericana de Guantánamo (Cuba).

Os manifestantes exhibiron retratos do xornalista, xunto cun slogan esixindo a súa liberdade, en inglés e árabe. Algúns deles vestían simbolicamente os monos laranxa que levan os presos de Guantánamo.

O camarógrafo sudanés de Al Jazeera Sami Al-Haj, capturado en decembro de 2001 polo exército paquistaní na fronteira afgá e posteriormente entregado ós soldados norteamericanos, chegou á base naval o 13 de xuño de 2002. Forzado a confesar unhas supostas conexións entre a canle qatarí e Al-Qaeda, sometérono a máis de 150 interrogatorios e torturárono frecuentemente (exposición prolongada a pleno sol, suplicio da bañeira, privación de soño, etc.). Enfermo e privado de todo contacto coa súa familia desde que o prenderon, o xornalista falou por primeira vez de que quería suicidarse durante unha visita do seu avogado, Clive Stafford-Smith, en abril de 2006. O caso de Sami Al-Haj, acusado sen probas de ter realizado unha entrevista a Ossama Ben Laden e de terse dedicado ó tráfico de armas, por contas dalgúns terroristas islamistas, é un exemplo da sorte reservada a moitos dos seus compañeiros de detención.

Tras unha longa batalla xurídica, o Tribunal Supremo declarou, o 29 de xuño de 2006, inconstitucionais os tribunais militares encargados de xulgar ós "combatentes inimigos". O 28 de setembro, o Congreso legalizou os tribunais de excepción, e introduciu novas cláusulas que impiden ós presos denunciar a súa detención antes de ser xulgados, e prohíben calquera procedemento contra os seus carcereiros. O 17 de outubro, outra lei autorizou o recurso á tortura.

O campo de Guantánamo, reconvertido en presidio para os "inimigos combatentes" o 10 de xaneiro de 2002, recibiu ata 770 presos. Actualmente ten 395, e as autoridades norteamericanas prevén xulgar a entre 60 e 80. O avogado de Sami Al-Haj, o londinense Clive Stafford-Smith, non puido precisar a RSF se o seu cliente forma parte deles.

As sevicias e os malos tratos ós presos, denunciados por unha empregada do servizo xurídico do Corpo de Maríns, deron lugar á apertura dunha investigación interna, en outubro de 2006. No momento de facer públicas as súas conclusións, o 7 de febreiro de 2007, o coronel Richard Bassett asegurou que "non existen probas suficientes para apoiar as acusacións" da testemuña.

FRANCIA
PERIODISTAS-ES