RSF espera que a reapertura do caso Couso mellore a seguridade dos xornalistas nas zonas en conflito

"Esperamos que a decisión do xuíz Santiago Pedraz, de ditar unha orde de detención internacional para os militares responsables do disparo que matou a José Couso, permita que á fin se escoite ós tres membros do exército norteamericano no caso", declarou Reporteiros sen Fronteiras.
"Desexamos que a decisión permita que se entenda ata que punto non é abstracta a cuestión da seguridade dos xornalistas en zonas de conflito, e pide respostas urxentes. A aprobación, o 23 de decembro de 2006, por unanimidade, no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, da resolución 1738 sobre a protección dos xornalistas nos conflitos armados, vén a lembrar que a morte dos profesionais da información xa non debe verse como unha fatalidade", declarou a organización de defensa da liberdade de prensa.

O 16 de xaneiro de 2007, o xuíz madrileño Santiago Pedraz ditou unha orde de detención internacional para tres militares norteamericanos polo 'asasinato' de José Couso, camarógrafo da canle privada Telecinco, que morreu o 8 de abril de 2003 no ataque ó Hotel Plaestine de Bagdade. A medida concirne ó sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente-coronel Philip de Camp, responsables do carro de combate de onde procedeu o disparo mortal. Santiago Pedraz solicitou tamén que se examine a posibilidade de conxelar as pertenzas deses militares norteamericanos, para o caso de que fosen condenados a pagar danos á familia de José Couso.

A Embaixada de Estados Unidos en España lembrou que a morte de José Couso xa foi obxecto dunha investigación, que concluíu en que os militaron actuaron "en conformidade coas regras de combate operativas nesa zona de conflito armado". O avogado da familia de José Couso, Leopoldo Torres Boursault, dixo que se non consegue a extradición non dubidará en pedir a aplicación da resolución 1738.

Aínda que as autoridades militares se negasen a extraditar ós tres militares, poderían ser detidos de todas as formas no caso de que viaxen a algún país co que España teña firmado un tratado de extradición.

Nun informe datado en 2003, o exército norteamericano consideraba que "as forzas da coalición non cometeran ningunha falta ou neglixencia", e que o disparo "de obús ía dirixido contra o que se tomou por unha posición de tiro (...) desamiga". A primeira orde de detención, ditada contra os tres militares polo xuíz Pedraz en outubro de 2005, así como as súas dúas peticións para interrogalos, quedaron sen efecto tras o sobresemento do caso, decidido en marzo de 2006 por un tribunal penal español. A decisión do Tribunal Supremo, do 5 de decembro de 2006, de reabrir a investigación sobre a morte do camarógrafo, impulsou de novo o caso. Desde o comezo do conflito en Iraq mataron a 146 profesionais dos medios de comunicación; é dicir, dúas veces máis que na guerra de Vietnam.

Le a nova en castelán en Reporteiros sen Fronteiras.

MADRID
RSF