Querela da Fiscalía por un artigo e unha fotomontaxe do Rei

Segundo o fiscal xefe da Audiencia Nacional, fan "unha crítica sobre o asunto relativo á caza dun oso" na que "se verten expresións vexatorias, humillantes, atentatorias" contra a súa "dignidade e honra".
O fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza, interpuxo unha querela contra os autores dunha fotomontaxe humorística e un artigo de opinión acerca do Rei español Juan Carlos I que foron publicados nos diarios vascos Gara e Deia.

Segundo a querela, que recaeu no xulgado central de instrución número 3 da Audiencia Nacional, tanto o artigo como a fotomontaxe fan "unha crítica sobre o asunto relativo á caza dun oso" por parte do Rei na que "se verten unha serie de expresións vexatorias, humillantes, atentatorias contra a dignidade e a honra do xefe do Estado".

A xuízo de Zaragoza, esas manifestacións sobre o Rei resultan "superfluas e innecesarias para o exercicio da liberdade de expresión", polo que considera que son constitutivas dun delito de inxurias ó Rei, "sancionado con penas de multa".

A querela vai dirixida "contra quen se fai chamar" Nicola Lococo e que "di ser filósofo", tanto no artigo de Deia, do pasado 31 de outubro, como no que tamén foi difundido en Gara, baixo o título: 'As tribulacións do oso Yogui'.

O fiscal xefe pide así mesmo que se emprendan accións legais contra os autores da fotomontaxe que apareceu na portada do suplemento humorístico de Deia, 'Caduca Hoy', do pasado 28 de outubro, tamén referente á caza do oso por parte do Rei Juan Carlos.

De ser admitida a tramite a querela, o fiscal pide ó xulgado, do que proximamente se fará cargo Fernando Grande-Marlaska, que se identifique a Nicola Lococo e ós autores da fotomontaxe "que aparecen baixo o nome de Rodríguez & Ripa" co obxecto de que sexan chamados a declarar.

Para iso, solicita ó xulgado que requira ós directores de Deia e Gara para que identifiquen a esas persoas e para que acheguen os exemplares orixinais dos periódicos nos que apareceron os artigos e a fotomontaxe, dos que o fiscal achega na súa querela sendas fotocopias.

En caso de que non fosen identificados, Zaragoza indica que as accións legais deberán dirixirse contra os directores de ambos os dous periódicos, os da empresa editora ou a empresa impresora.

PAÍS VASCO
EITB 24