Publícase o cuarto episodio de 'Poñer a Voz', que retrata a militancia de Begoña Caamaño
Desde hoxe, xa está no aire "Cambiar de xogo", o cuarto capítulo de Poñer a voz, o podcast do Colexio de Xornalistas sobre Begoña Caamaño, realizado co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e baixo a dirección de Lucía Junquera. Neste episodio asistimos ao espertar da conciencia feminista de Begoña Caamaño, e tamén á súa loita polos medios públicos.
Cando Begoña Caamaño comeza a traballar na radio en Vigo, atopa nas redaccións, na rúa e nas roldas de prensa a un grupo de mulleres que, coma ela, comezan a chegar a un oficio ata entón moi masculinizado. Son eses primeiros ambientes de xuventude os que espertan nela unha conciencia feminista que será, de maneira transversal, o motor da súa vida.
"Cambiar de xogo", o cuarto episodio de Poñer A Voz retrata o feminismo de Begoña Caamaño, que a acompañará sempre como aquilo que a definía xunto a ser xornalista, desde aquel primeiro espertar sobre as condicións das traballadoras nos medios até o traballo de Mugacom. Tamén se tratan outras loitas nas que participou, como a defensa dos medios públicos ou o sindicalismo.
Poñer a voz
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.
Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
CPXG