Publícase a Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes, con varios puntos de interese para o xornalismo

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle aspectos algunhas das reivindicacións históricas da profesión en materia de xénero, como as medidas para a promoción da igualdade nos contidos e no interior dos medios, a promoción da formación en materia de igualdade ou o papel dos colexios profesional. O CPXG saúda a aparición desta norma, aínda que lembra que sería importante estabelecer figuras de observación e avaliación destas medidas como a das editoras de xénero.

Este luns 11 de decembro publicouse no Diario Oficial de Galicia o texto definitivo da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. A nova norma inclúe varios aspectos de interese para a profesión xornalística, recollidos especialmente no capítulo quinto, titulado "Igualdade de xénero e medios de comunicación".

O artigo 54 da lei recoñece que a CRTVG debe transmitir "unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes en todos os campos sociais", para o que garantirá aspectos como o aumento da visibilidade das mulleres, a programación de campañas a prol da igualdade, o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes nos órganos internos, a adopción de códigos de boas prácticas, o uso non sexista da linguaxe , o estabelecemento e o mantemento de programas realizados por e para mulleres ou  institucionalización de contactos periódicos dos órganos de dirección coas asociacións e cos grupos de mulleres. Estes principios esténdense tamén, nos termos estabelecidos pola lexislación aplicábel, aos contidos audiovisuais contratados por parte da CRTVG, así como aos medios de comunicación participados ou subvencionados pola administración autonómica.

No tocante aos medios privados, a lei recolle a promoción de acordos de autorregulación que contribúan ao cumprimento da lexislación en materia de igualdade entre mulleres e homes, entre o que se menciona especificamente as actividades de venda e publicidade. Ademais, a administración realizará campañas de publicidade institucional para promover a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, a corresponsabilidade nas tarefas domésticas e de coidados, a sensibilización contra a violencia de xénero e a erradicación de todas as formas de violencia de xénero, e fomentará o debate electoral sobre cuestións de xénero, a través do incremento nun 10 por cento do tempo gratuíto de propaganda electoral nos medios públicos se se destinaren á explicación do programa sobre estas temáticas.

Un punto especialmente importante é o artigo 58, que estabelece que "a consellaría con competencias en materia de igualdade organizará actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes". Este tipo de formación en igualdade é unha reivindicación da profesión transmitida polo Colexio de Xornalistas desde hai anos, e mesmo se chegou a realizar a primeira fase dun programa neste sentido co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade. A asunción con esta lei da responsabilidade desta oferta de formación é toda unha oportunidade para que se produza un salto no tratamento informativo ao incorporar a perspectiva de xénero.

Por último, a lei outorga un papel destacado para os colexios profesionais como axentes para a transformación igualitaria da sociedade, cos que a administración vai fomentar a formalización de alianzas estratéxicas para a consecución dun concreto obxectivo de igualdade, e aos que se cita explicitamente como elementos relevantes para a promoción de cuestións como o uso dunha linguaxe non sexista ou dunha imaxe pública igualitaria.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia saúda a aparición desta lei, que supón recoller nun corpo lexislativo moitas das reivindicacións do noso colectivo en materia de información e igualdade, e reitera a nosa vontade de cooperación nas accións dirixidas a profesionais da información para que incorporen as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes. Así mesmo, o Colexio considera que sería moi importante que a normativa recollese algún tipo de figura ou Comisión responsable especificamente da observación e avaliación das medidas de fomento da igualdade nos medios, como podería ser o papel da editora de xénero, de extraordinaria utilidade e que xa se está a incorporar en distintos medios de comunicación.

CPXG