Preséntase #xornalistasnapandemia, un "testemuño para o futuro sobre uns tempos incertos"

Francisco X. González Sarria, Belén Regueira Leal e Carmela Silva Rego na presentación do libro

O Salón de Plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu este sábado a presentación do libro #xornalistasnapandemia, o volume que recolle unha serie de entrevistas arredor da cobertura informativa da covid-19, realizadas a diversos profesionais da comunicación de Galicia entre outubro de 2020 e xuño de 2021. O libro está publicado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e na presentación participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, e a coordinadora do proxecto e vicedecana do Colexio, Belén Regueira Leal.

Carmela Silva Rego, en nome da Deputación de Pontevedra, mostrou o seu agradecemento por un libro que representa a voz dun xornalismo "valente", e salientou o feito de que nas entrevistas "se fala de maneira continuada de precariedade". "A actividade do xornalistmo non pode ser precaria de ningunha forma, porque iso impide que poida contarse o que está a acontecer", asegurou. O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, destacou que a pandemia foi "unha proba de lume para a profesión", na que "tivo que ser un BOE o que nos lembrara que éramos, e somos traballadores esenciais". Con todo, mostrouse convencido de que "o colectivo saíu airoso", algo do que dan boa proba as entrevistas recollidas neste libro. 

Belén Regueira Leal, coordenadora do proxecto, subliñou o feito de que todos os xornalistas presentes no libro "merecen recoñecemento", pero que ademais "están representando a outros moitos e moitas" que tamén "merecerían que a súa voz se escoitase". A vicedecana do Colexio agradeceu á Deputación de Pontevedra que fixese posíbel converter as entrevistas presentes na web nun volume que sirva de "testemuño para o futuro" sobre como afrontar uns tempos "tan incertos e tan escuros", porque "a memoria dixital é tan fráxil que seguimos necesitando obxectos físicos que legar á seguinte xeración". 

#xornalistasnapandemia

O libro recolle un total de vinte e nove entrevistas con profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia tanto desde Galicia como desde outras comunidades ou países. Están presentes catorce homes e dezasete mulleres de diferentes xeracións, que desde todo tipo de medios e con distintas perspectivas afrontaron o difícil traballo de informar sobre a emerxencia sociosanitaria. Da necesidade de transparencia ás implicacións deontolóxicas, do xornalismo local ás coberturas internacionais, da comunicación corporativa ao xornalismo de datos, das historias persoais ao ámbito macroeconómico ou da concentración de medios á precariedade da profesión, estas conversas ofrecen unha panorámica non só da capacidade do xornalismo para informar sobre a covid, senón tamén dos desafíos aos que se enfronta a profesión neste momento, en Galicia e en todo o mundo. A publicación deste libro constitúe xa un testemuño que axudará a avaliar o traballo destes anos no futuro.

Os xornalistas entrevistados na publicación son María Piñeiro, David Lombao, Dulce García, Tamara Montero, Manuel Rey, Jessica Mouzo, Ana Blasco, Artur Galocha, Brais Lorenzo, Cristina de la Vega, Fernando Varela, Cristina Olea, Luís Pardo, Ubaldo Cerqueiro, Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro, Xan Freire, Natalia Alonso, Érika Reija, Xosé Hermida, Kiko Novoa, Marta Veiga Izaguirre, Ángel Paniagua, Lara Graña, Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez, Xurxo Salgado, Manuel Rico, Xiana Cid, Mónica Vila Ferreirós e Patricia Hermida. As entrevistas difundíronse primeiramente a través da web e redes do CPXG co cancelo #xornalistasnapandemia, que agora dá nome tamén ao libro. 

As autoras e autores das entrevistas foron Ana González Liste, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén López Rodríguez, Eliana Martíns Alvela, Valeria Pereiras Reza, Belén Regueira Leal, Mónica Rosas Conde e Matilde Vázquez Rojo, todos eles membros da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas. Ademais, contouse coas fotografías de Xoán A. Soler, Lino Escurís, Óscar Pinal, Guillem Ferrerons, Tamara de la Fuente, Fran Piñeiro, Santi Alvite, Iván Makarov, Ramiro Santos, Sebas Senande, Óscar Vázquez e Gaspar Somoza.

CPXG

Serie de entrevistas #xornalistasnapandemia