Mary Bruce, PCIN e José Precedo son as candidaturas do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa
Tres candidaturas optan este ano ao XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. As colexiadas e colexiados poderán escoller entre concederlle o galardón á estadounidense Mary Bruce, correspondente xefa de ABC News na Casa Branca atacada por Trump; á organización Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN), en representación das e dos xornalistas perseguidos nese país; ou ao xornalista galego de elDiario.es José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo.
As candidatas e candidatos foron propostos polas colexiadas e colexiados do CPXG ou por entidades relacionadas coa comunicación como recoñecemento ao seu papel na defensa da liberdade de prensa. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG ata as 14.00 horas do martes 7 de abril.
Sobre as candidaturas
Mary Bruce é unha xornalista con máis de 20 anos de traxectoria profesional rigorosa e con experiencia en coberturas informativas diversas, especialmente no ámbito político estadounidense, con destinos tan complexos como o Capitolio e a Casa Branca. En novembro de 2025, tras unha reunión na Casa Branca entre o presidente Donald Trump e o príncipe herdeiro saudita Mohammed bin Salman, Bruce preguntou ao presidente polo conflito de intereses que poderían supor os negocios da súa familia en Arabia Saudita e pola publicación dos arquivos Epstein, e a bin Salman sobre o seu papel no asasinato do xornalista Jamal Khashoggi en 2018. En resposta, Trump atacou verbalmente a xornalista e a súa cadea.
Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN) créase en decembro de 2018 como resposta aos ataques do goberno dese país contra as e os xornalistas, que o sitúan actualmente nun dos últimos postos da clasificación mundial da liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras. A súa candidatura representa unha homenaxe as comunicadoras e comunicadores nicaraguanos que seguen a informar desde o país ou o exilio e denunciar contra todas as dificultades, ao tempo que lembra a gravísima situación que sofre a liberdade de prensa nese país centroamericano.
José Precedo é, desde os inicios da súa carreira profesional en Galicia, un dos nomes principais do xornalismo político e de investigación en España, onde se distinguiu sempre polo seu traballo vencellado ao servizo público, á proximidade e á responsabilidade social. O pasado novembro, cando declarou no Tribunal Supremo no cadro do proceso ao Fiscal Xeneral do Estado, defendeu dunha maneira firme e contundente alicerces do oficio como a confidencialidade das fontes e a lexitimidade do traballo informativo, erixíndose así nun estandarte da independencia do xornalismo fronte a calquera tentativa de instrumentalización xudicial.
As votacións
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, decidirá o gañador ou gañadora. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 7 de abril, identificándose co seu usuario e contrasinal a través da web do premio. Este proceso será recollido en acta polo secretario do premio, avalado por unha notaría e darase a coñecer publicamente.
O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, outorgado polo conxunto de colexiados e colexiadas do CPXG, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón constitúe unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social.
O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos, e baixo a denominación de Premio Couso foron tamén galardoados Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi; Marcos Méndez; Érika Reija; Manuel Rico; Lorenzo Milá; Defende a Galega; Julia Otero; Xosé Hermida; Miguel Ángel Aguilar; Jordi Évole; Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas; Mónica García Prieto; o Consello de Informativos de TVE; WikiLeaks; Daniel Anido e Rodolfo Irago; Rosa María Calaf; José Vidal-Beneyto; Jon Lee Anderson; Le Monde Diplomatique e Ali Lmrabet.
Web do Premio Xornalistas de LIberdade de Prensa
CPXG