Pilar Fariña: "O que buscaba era o mesmo trato que os homes, tiña as miñas fontes e eran miñas, pero non diferentes por ser muller"
Durante 42 anos, Pilar Fariña (Pontevedra, 1947) contou a moitas xeracións de pontevedreses a actualidade da súa cidade e do mundo. De formación autodidacta, comezou moi nova en Radio Pontevedra facendo tarefas non informativas, pero moi cedo o xornalismo entroulle dentro e xa non o deixou saír ata a xubilación. Estivo dezasete anos na radio, pasou polas cámaras de Televisión Española durante once anos e por Televisión de Galicia outros oito e polas páxinas de El Correo Gallego ata que se xubilou. Unha xornalista todoterreo que presume de que o era as 24 horas do día, dunha vocación que naceu moi cedo cando escoitaba a radio das veciñas e que foi medrando cando a información diaria entrou a formar parte da súa vida. Foi a primeira en facer información deportiva en Pontevedra, a única nunha expedición galega ata a Fosa Atlántica para denunciar as verteduras radioactivas, autora de entrevistas inéditas a narcotraficantes e protagonista de soadas polémicas con políticos de distinto signo. Durante catro décadas, non calou. E confía en que, no futuro, o xornalismo e, sobre todo, as mulleres do xornalismo, non calen.
Imos comezar facendo un repaso pola túa traxectoria. No ano 1970 aterraches en Radio Pontevedra e xa o xornalismo se che meteu nas veas.
Certo, nun principio fixen o que era a continuidade coas outras compañeiras, con María Elena Alonso, Mely Fandiño, pero a partir deste momento, como tiña un pouco de inquedanza sobre o tema de información, o director de informativos, que era [Balbino]
Fuentes Mora, pedíame cousiñas pequenas para o informativo das dúas da tarde. No ano 79, xa na democracia, a Cadena empezou Matinal Galicia e, nese caso, o director da empresa, Jorge Hermida, díxome que quería que fose eu a que fixese este programa. E para min foi unha marabilla. Aí empecei os primeiros cursos intensivos do que era a información. Con Alicia Bullo, a primeira muller; Javier Otero, Fernando Madriñán e Lino Ventosinos, que me axudaron moitísimo. Despois empezou a traballar en Radio Pontevedra Eugenio Giráldez, nos anos 80, e tamén cambiou o xeito de facer as cosas. Eu traballaba como unha tola nos informativos, estaba encantada.
E despois de Radio Pontevedra, chegaron máis medios.
Na radio tamén coincidín con César García Cimadevila, que foi un compañeiro extraordinario. El foi o que me dixo: “Mira, en Televisión Española en Galicia”, na que colaboraba el, “van necesitar un correspondente en Pontevedra para deportes”. Fomos varios compañeiros de Pontevedra e elixíronme a min. E despois tamén me tocou facer deportes na radio. Fun, desde logo, a primeira muller en Pontevedra que facía Deportes.
Despois, pasaches á prensa, que non era ao que estabas afeita. Novo cambio.
Si, si, completamente, iso xa foi moito máis tarde. Estiven na radio dezasete anos e despois empezamos, coa delegación de El Correo Gallego en Pontevedra. E foi unha adaptación porque na radio as informacións son máis sucintas, son máis curtas, ten que ser máis rápido. Na prensa había que encher unha páxina ou dúas. Iso xa me custou un pouco máis. Pero co tempo vas conseguido soltura, afaste a traballar coas maquetas e todo vai para diante.
Ti non ías para xornalista, pero si que a radio formaba parte da túa vida desde moi pequeniña.
Encantábame a radio. Eu tiña unhas veciñas que tiveron radio de sempre. A min entusiasmábame, encantábame ir escoltar aquelas voces que saían de dentro e que tiña moitísima curiosidade por saber como eran aqueles homes e mulleriñas tan pequeniños que podían estar alí dentro. E metía sempre o dedo no altofalante para ver se saían, se se vía. E nada, claro, era maxia, maxia de radio. Pouco a pouco, entusiasmoume. Nesa casa das miñas veciñas, poñíanme sempre unha espumadeira de micro: “veña, fala”. Eu falaba. “Mira, canta”. E cantaba. Cantaba, falaba, porque o meu era o de radio. Tiña tres anos. E co tempo funme rodeando de micrófonos. Despois, cando na miña casa xa puxeron radio, cando falaban do Pontevedra en Radio Madrid, ou en Radio Sevilla, para min era marabilloso. E chegou un día en que alí estaba na radio.
Naqueles anos nos que ti empezabas, case non había mulleres nos medios de comunicación en Pontevedra. Como era traballar entre tanto home?
Na radio, sempre houbo mulleres. Eu tiven dúas compañeiras extraordinarias, María Elena Alonso e Mely Fandiño. Sempre nos levamos xenial. E tamén tiña catro ou cinco compañeiros homes fantásticos. Aí non tiña problemas. O problema chega cando vas e atopas con homes que pertencen a outros medios e tes que ir adaptándote ao traballo. Tiven sorte, porque era moito máis nova ca eles, entón, acolléronme ben. Queriámonos moitísimo, respec- tabámonos moitísimo. Non tiven nunca problema ningún.
Notabas un trato diferente por ser muller?
Depende dos casos. Ao mellor notaba máis diferen- zas nas persoas que nos convocaban aos actos, ás conferencias de prensa. Moito máis que os compañeiros, que xa eles sabían que eu era unha máis. Levaba saias, pero era igual, non pasaba nada. Nos actos políticos ou de empresas, como era a única, tiña que poñerme sempre nun sitio destacado. Neste caso, pois na mesa presidencial. E eu atopábame moi veces moi rara. Nunha visita de Adolfo Suárez a Pontevedra, houbo unha comida en Casa Román e fixéronme poñer a min á cabeza. Despois chegarían outros tempos en que as cousas cambiarían, coa entrada de moita xente que foi cambiando pouco a pouco as redaccións locais.
En Pontevedra, fuches a primeira nun eido aínda moi masculinizado a día de hoxe, a información deportiva, en Televisión Española. Como foi iso de ser a primeira en chegar a un campo de fútbol.
O de chegar era igual, como se foses ver o partido coa túa entrada. Os problemas que tiña, tanto no fútbol como no balonmán, era o adestrador. Unha vez que remataba o partido, entraba cos xogadores no vestiario. E claro, eu alí non tiña paso e tiña que quedar fóra. Os compañeiros tiñan que marchar correndo para facer a crónica, entraban e facían as preguntas. E eu quedaba sempre soa esperando a que viñese o adestrador e estaba molesta porque eu tamén tiña que marchar. Hoxe en día isto non sucede.
Notas diferenzas coa maneira na que viven as mulleres a información deportiva agora mesmo?
Moitísimas. Só ver os medios nacionais, as mulleres na televisión, na radio, que son marabillosas, que saben tanto como os homes de fútbol e de todo o deporte. Daquela era un mundo moi masculinizado, que segue sendo, pero agora xa hai mulleres que dirixen, coordinan, fan de todo. Eu agora non vexo que haxa grandes diferenzas, aínda que haxa máis homes que mulleres. Aínda as mulleres non son moitas, aínda non estamos aí no 50%, pero si que é certo que cambiaron tamén a forma de ver, é unha mirada moito máis feminina. Encántame como fan, o que fan, dirixen, programan… a porcentaxe ten que medrar, pero pola calidade, pola formación… son verdadeiras profesionais. Pero entendo que se avanzou moitísimo: nisto e na información diaria.
Fóra xa do eido deportivo, nesa información diaria, na profesión, como ves a situación da muller xornalista con respecto á época que viviches ti?
Véxoa completamente integrada. Es igual que o compañeiro home. E aí si que hai máis mulleres que homes. Aquilo de que era única, despois había dúas… Pasou. Agora xa son máis mulleres que homes. Agás nos altos cargos directivos, nos que pode haber algún teito de cristal (sobre todo en empresas privadas), as mulleres teñen demostrado que poden desempeñar o traballo que queiran e lles deixen. Neste caso, destaco TVE e o Grupo Prisa, e nas grandes cidades. As máis pequenas imos a remolque e moito máis lentas. Lembro cando traballaba na radio, nos anos 80, en Ponte- vedra empezaba Malé Larriba na delegación de La Voz de Galicia, mentres que en Vigo había moitas mulleres: María del Carmen Parada, Marisa Real, María Rosa Tebar, Mary Luz Durán, María Xosé Porteiro… Pero, de momento, non creo que estea equivocada, ningunha chegou a directora, mesmo no día de hoxe. Nunha tempada, saía moito en Vigo, tiña cantidade de amigos e amigas xornalistas de alí. O que non sucedía en Pontevedra, que apenas había xente do gremio. Eu si o facía cos meus amigos, que me axudaban a coñecer moita xente, eran bos contactos. E tiña problemas na miña casa por chegar tarde, pero estaba facendo o meu traballo, o que me gustaba. Eran os anos 80, 90. Así era, naquel tem- po, a vida das mulleres nesta cidade.
En canto á situación da muller, como a notas agora, con respecto a eses anos nos que ti viviches?
Noto un cambio importantísimo. A muller é libre para expresarse. En España é libre, pero temos que ser conscientes de que en calquera momento pode desaparecer, iso si que é certo, por iso temos que seguir loitando, todas, aínda que esteas, como no meu caso, xubilada, sempre pensando na xente que pode vir, que ten que ter a mesma liberdade que ti, ten que vivir e ten que poder expresarse.
Porque ti, naquel tempo, exercías o feminismo, aínda que en Pontevedra non se falaba de feminismo.
Non, para nada. En Pontevedra, sobre todo.
Pensando naqueles anos, que é que buscabas co teu traballo?
Eu buscaba información, descubrir cousas. Encantábame investigar. Nos anos 70, os políticos non falaban con ninguén, era todo moi gris e, claro, nese momento, cando abre, tanto a dereita como a esquerda querían falar. Iso era unha delicia, contaban cantidade de cousas que non imaxinabas. E eu, sobre todo, buscaba o mesmo trato que os homes. Tiña as miñas fontes e eran miñas, pero non diferentes por ser muller.
Ao longo da túa carreira, abordaches asuntos moi interesantes. Un deles foi o das verteduras radioactivas da fosa atlántica. Falamos do ano 82.
Despois desa protesta que se levou a cabo no Atlántico ese mes de agosto, a Unión Europea, cambiou completamente a lexislación e prohibiu as verteduras nesa fosa Atlántica, que estaban nunha profundidade de 4.000 metros. Alí botaban os holandeses todos eses residuos radioactivos de hospitais, das centrais nucleares; era tremendo e podía afectar moitísimo a comunidade mariñeira galega. Eu era moi sensible porque a miña familia era mariñeira. Aquel verán xa tiña todo organizado para marchar a Alemaña de vacacións e, aos dous días, chámanme da televisión que me fora inmediatamente para Ámsterdam e que esperase no aeroporto, porque viña unha representación de Galicia, da que estaba tan só outro xornalista, Segundo Mariños. Eramos sete e eu, a única muller. Os de Greenpeace leváronnos en furgoneta á sede de Ámsterdam, que era para gravar, tiñamos que durmir os sete nun espazo con esteiras e cantidade de gatos e cheiraba que era imposible durmir. Todos decidimos marchar dar unha volta, empezara ambientarnos para o que nos tocaba, porque non sabiamos nin cantos días iamos estar. Estivemos finalmente catorce. Despois viaxamos a Oostende, embarcamos no Sirius e fomos ao Canal da Mancha. Alí empecei a marearme que era horrible, tremendo. Atopamos o gran barco que levaba os residuos case unha semana despois de estar no mar, con tormentas, con ondas que cubrían o barco. Participabamos limpando tamén o barco, facendo a comida mentres buscabamos o barco. E un dia atopamos o barco e foi incrible. Se ves o alcalde de Moaña, como berraba, como lle dicía que parasen, que aquilo non podía ser, que ían matar as familias mariñeiras galegas. Estivemos dous días máis, que chegaron uns barcos de Galicia, falaron desde varios barcos, botaron unhas coroas de flores ao mar. Foi emocionantísimo, foi unha vivencia extraordinaria como informadora, foi marabilloso.
Foi toda unha experiencia, pero ti viviches moitas informacións que transcenderon o ámbito local e autonómico ao longo da túa carreira. Unha delas foi a cobertura da presenza do agora rei Felipe VI na Escola Naval.
Si, moi graciosa porque me contaban cantidade de cousas, por onde pasaba, por onde ía. Tiña unha veciña que o seu home estaba estudando co príncipe na escola naval. E nesa casa, como era tailandesa, facían comida asiática, que lle gustaba moitísimo ao príncipe. E tiñan ceas, cantaban, tocaban unha guitarra, tiñan troula e contábame. Cando tiñan algo chamaba a Madrid e na Cadena Ser contaba todas esas historias e partíanse de risa.
Porque dicían de ti que tiñas moito olfacto. Con olfacto, publicaches que casaba Mariano Rajoy.
Si, certo. Chamo a Santiago e non me cren, porque, así de pronto, casaba, ademais, o 28 de decembro, o día dos inocentes. Non me crían para nada. Pero dixen que si, que tiña toda a seguridade e sacámolo na última páxina. Vaia sorpresa, ao dia seguinte todos os medios dicindo que casaba Mariano Rajoy. Pero tiven un problema con Mariano, que era amigo, tomabamos café de vez en cando, falabamos e a partir daquel momento deixoume de falar e deu orde de que non me collesen o teléfono. Sentoume fatal, porque non pensaba iso de Mariano. Cría realmente que era un amigo e que tiña que comprendelo. El quería pasar unha nota o día 14 de decembro anunciándoo, pero iso é o traballo de cada un. Nun momento parece que algún medio publicou que Aznar lle dixera a tres persoas do seu goberno que tiñan que casar, a Rita Barberá, a Luisa Fernanda Rubí e a Mariano. E mira por onde, casou Mariano Rajoy.
Na historia do xornalismo local de Pontevedra está o veto de Pepe Rivas ao teu labor informativo, por exemplo. Non te deixabas parar por nada.
Por nada. Con Rivas levábame moi ben, xa antes da democracia. Non, eu era amiga de Rivas, con anterioridade á democracia. Pontevedra tiña o plan xeral de ordenación do ano 1953 totalmente desfasado e na primeira Corporación dixeron que había que organizar o plan. O Ministerio de Obras Públicas pagou o traballo a unha empresa, Harris Boch, traballo que defendían como o mellor do mundo, mentres moitos técnicos dicían o contrario. Entrevistei un técnico que non lle gustou nada ao alcalde. Entón, empezou a dicir que ía presentar unha moción contra Televisión Española en Galicia polas malas noticias que daba de Pontevedra. Ao final, non se votou nin nada porque a mesma xente de UCD, o partido ao que pertencía Pepe Rivas, dixo que non a apoiaba. Portáronse moi ben. A Televisión Española non lles gustou aquela postura e dixéronme: dáme unha relación de dez persoas de Pontevedra, de todos os partidos, que poidan falar do plan. Busquei, mandei unha lista, elixiron os que querían. E, claro, ninguén falou ben, fora un desastre. Pois este enfrontamento con el durou moitos anos. Tanto que tempo despois estaba na Televisión de Galicia e cun cámara fomos cubrir unha conferencia de prensa e, co cámara dentro, tan pronto me mirou, dixo: “Fóra! Garda, bótaa á rúa!”. O cámara gravando e eu faláballe como a un amigo: “Pero Pepe, por favor, sé sensato, eu veño a unha conferencia de prensa que é pública para os medios, ti non podes dicir que me vaia, sobre todo, o medio ao que eu represento”. Quedou unha testemuña fantástica, que despois sacaron completa e foi lamentable para el.
Facías o teu traballo e non gustaba. Tampouco lle gustou a Fraga unha pregunta que lle fixeches nunha conferencia de prensa relativa a un narcotraficante.
Si, iso non sei se mesmo puido custarme o traballo. Luís Falcón, que era un dos importantes contrabandistas, despois foi narcotraficante. Fora detido o día anterior por Biscaia cunha importante cantidade de haxix. Era a primeira vez que saía
a nivel nacional que un galego do tabaco estaba metido coa droga. Fraga estaba na precampaña para presentarse a presidente de Galicia e era o momento para preguntarlle porque tiñan unha boa relación con todo aquel sector do tabaco. Fixen varias preguntas e insistía, porque este señor apoiaba o Partido Popular, tiña a insignia do PP, invitara a Fraga á voda un fillo del. E el: “Que non, que non, estaba a dicirme o señor Cuíña que ese señor non pertence ao partido”. E nun momento: “Se acabó
la rueda de prensa”. E estaba o comité provincial do partido nun hotel de Pontevedra, baixo e estaba todo o vestíbulo cheo de xente do partido, entre eles, Cuíña, que estaba esperándome e díxome: “Pilar, que no insistas, que no insistas, que dejes
de llamarme por teléfono, que yo contigo no voy a acostarme en la vida”. Eu quedei totalmente parada, porque o que menos me esperaba era que me dixese esa barbaridade. A miña relación con Cuíña era toda profesional. Foi incrible. Non o gravei e foi unha pena porque tería sido fantástico e moitas veces tiñamos que defendernos dalgunha forma e a única forma que tiñamos era actuar tamén cos nosos medios. A partir daquela, non me contestaba as preguntas que lle facía na Deputación e botába- me sempre fóra.
Un exemplo do machismo que se vivía na profesión.
Completamente. E forte. Moi forte. Porque como poden dicir semellante barbaridade? E, sobre todo, aquilo cheo de homes e que ninguén dixese: “Pepe, iso non se di”. El era o rei, el era un señor con poderío e eu non tiña poder ningún, era unha traballadora.
Soada foi tamén unha resposta que che deu Camilo José Cela.
Si, foi moi bo. Había unha rolda de prensa no colexio SEK Atlántico para falar dos cursos que se ían organizar na universidade que ten ese colexio en Madrid. Coincidía que ese ano o Ministerio de Cultura celebraba un ano dedicado a Federico García Lorca e preguntáronlle que opinión tiña do ano que se estaba a celebrar. El mostrouse contrario, que non estaba contento. E eu pregunteille por que e a súa resposta foi: “Ni me gusta ni deja de gustarme, lo que no me gusta es que me den por el culo”. Xa me dirás a que se montou, porque foi moi soada.
Falemos agora do presente. Xa non estás na profesión activa, pero si que mantés o contacto con xornalistas e manteste informada. Cóntame, desde a túa perspectiva: como ves a situación actual da profesión?
Uf… Eu conto unha historia dunha época que para min foi ideal. Agora, moi difícil. Así como, cando eu cheguei, era abrir portas e ventás, neste caso, parece que é pechar todo. Todo está moi difícil, moi raro, hai moitísima confusión, tes que saber con que medios conectas para que che dean a información, non a que ti queres, senón a xusta, pode ser favorable ou non, pero a xusta, a que ten que ser. Teño que recoñecer que, naquel momento, eu tiven sorte. É unha vergoña que moitas veces teñan que mentir para sacar adiante os intereses particulares das empresas e da administración e que, en moitos casos, son contrarios totalmente a cidadanía. Por iso non me gusta moito o que se está a facer. Agora está máis controlado outra vez todo, como nos anos 70,
cando chegabamos do franquismo e che mandaban a noticia feita á redacción.
E ti como ves o futuro?
Véxoo fatal, véxoo difícil para os traballadores porque ao final as empresas traballarán con dúas ou tres persoas e sacarán as cousas adiante. Sobre todo, con esta xente que se está incorporando aos medios, ás redes sociais. Falo dos donos, dos multimillonarios que o único que queren é o poder e esmagar o mundo. Igual estou equivocada, pero xa vemos o que está pasando nos Estados Unidos, que a ver o que sucede, pero non dan tranquilidade a ninguén.
E nese futuro que non ves nada claro, como ves a situación das mulleres?
A non ser que chegue o que dicía antes da falta de liberdade, eu creo que as mulleres xa están no seu sitio. Faltan moitas aínda, faltan aínda por chegar a moitos sitios, pero creo que as mulleres xa están. Son as primeiras na medicina e en moitísimas cousas e agora espero que haxa moitas oportunidades, sobre todo, nos medios informativos. Espero que a muller siga entrando tan ben como o está facendo a día de hoxe. Espero que haxa para ela moitísimas oportunidades. Avanzouse moitísimo pero aínda hai que seguir loitando porque a loita diaria é a que dá esa seguridade, sobre todo para as mulleres. Non é “chegamos aquí e xa temos a cota”. Non, non, hai que seguir traballando, e as mulleres hai que defendelas en todo momento. A min gustaríame ver unha muller, por exemplo, presidenta de España, que igual tarda pouco, pero igual non a vemos; unha muller presidenta de Galicia, que xa vai sendo hora; unha muller directora da Televisión de Galicia… e moitas máis cousas.
Botando a mirada atrás, notas que da túa época, sobre todo daqueles primeiros anos, algo do que fixestes ti e as túas compañeiras pode ter influído na situación actual das mulleres?
Ao mellor, puido servir para que moitas chavaliñas quixesen ser xornalistas. Sabes que todo inflúe moitísimo. Cando unha cousa se pon de moda, empezas a ver moita xente e ao mellor ninguén dicía que quería ser xornalista, empezaron a ver mulleres e animáronse. Polo traballo, si ou non, non sabería dicirche. Eu digo que as mulleres están aí e que non van marchar, a non ser que chegue algo como en Afganistán ou que cheguen franquistas, como os que houbo en España, e que digan que a muller estaba moito mellor na casa. Miña avoa e miña nai foron mulleres que sempre traballaron fóra, tiñan un negocio e todas as mulleres da familia traballaron. Entón, a min, empezar a traballar non me custou, non me supuxo unha contrariedade porque sabía que tiña que gañar un xornal. Na actualidade, pode haber un cambio, un retroceso, pero penso que as mulleres xa están moito máis dentro da vida que o que estaban cando eu empecei. O traballo das pioneiras puido axudar, déronlle visibilidade ao traballo, pero ademais diso tamén foron as políticas favorables adoptadas por algúns gobernos. Os da esquerda.
Pensas que o teu traballo se recoñeceu?
Si, en certo modo, si. Estou contenta. Tiven recoñecementos, sobre todo, de compañeiros que non imaxinaba e sempre me lembran e iso dáme a min máis seguridade para dicir: pois si, é certo, eu facía isto e non me daba de conta. E hai para min algo importante, en canto ás distincións, que a Cadena Ser, no 86, estaba aínda en Radio Pontevedra, concedeulle o Premio Ondas. Eu sentinme honrada porque aí traballei e traballei moito. O premio era para a empresa, pero eu teño un diploma que pon: “Ondas a Pilar Fariña”. Eu xa con iso... O Cabaliño de Prata dáme igual, habería que limpalo cada día, que sería un honor, pero non me correspondía a min soa.
NATALIA PUGA
Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña
