Pechan os locais dunha canle de televisión por "incitación á violencia" trala execución de Saddam Hussein

Reporteiros sen Fronteiras condena o peche da oficina da televisión privada por satélite Al-Charkiya en Bagdade, acusada de "incitación á violencia confesional" por ter mostrado imaxes de iraquís entristecidos pola morte do ex presidente Saddam Hussein. O anuncio da súa execución e a emisión das imaxes do aforcamento suscitaron moita controversia nos medios de comunicación iraquís. Algúns deles, e especialmente os órganos de prensa públicos, celebran a morte do "tirano", mentres que outros lamentan a morte do antigo presidente.
"Preocúpanos a actitude do goberno de Nuri Al-Maliki, que cada vez impón maiores restricións á prensa. As autoridades deben dar mostras de moderación para que o pluralismo informativo siga sendo unha realidade en Iraq", manifestou a organización.

O 1 de xaneiro de 2007 o Ministerio do Interior decidiu pechar as oficinas da canle Al-Charkiya, situadas no barrio de Yarmuk, en Bagdade, por "incitación á violencia confesional" e ó "odio". Ese día, a canle emitiu imaxes de varias manifestacións nas que se denunciaba a execución de Saddam Hussein, que tiveron lugar en Bagdade, Tikrit (provincia natal do ex presidente) e Amán, a capital xordana onde reside a súa filla Raghad Hussein. Por outra parte, os presentadores da canle pública Al-Iraqiya denunciaron en antena a "as televisións iraquís e árabes que demostraron simpatía polo tirano Saddam Hussein". Al-Charkiya continuou emitindo desde as súas oficinas de Dubai e Amán.

Xa o 5 de novembro de 2006 as autoridades iraquís ordenaron o peche das canles de televisión Al-Zaoura e Salah-Eddine, por emitir imaxes de manifestantes que enarboraban retratos do ex presidente, e protestaban pola súa condena a morte. Acúsaos de incitar á violencia confesional, aínda non teñen autorización para volver a emitir.

Por outra parte, o 29 de decembro de 2006 Reporteiros sen Fronteiras decatouse do asasinato do xornalista Akil Sarhane, da canle deportiva privada de televisión Al-Riyadia (membro da rede pública de medios de comunicación iraquís Iraqi Media Network). Un grupo armado atacou o seu automóbil cando acudía ó seu lugar de traballo. O xornalista morreu no acto e os agresores déronse á fuga.

Le a nova en castelán en RSF

IRAQ
RSF