Os xornalistas gazatís piden axuda para seguir a informar

O Sindicato de Xornalistas Palestinos solicita axuda económica, a través do Fondo Internacional de Seguridade da FIP, para garantir que as e os comunicadores que están a cubrir o conflito palestino-israelí en Gaza poidan seguir a realizar o seu traballo. A prioridade actual é conseguir tendas de campaña e material para poder durmir. 

Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, ao que están afiliados o 80% dos comunicadores deste país, vén de facer unha petición urxente de auxilio para os xornalistas e os traballadores dos medios de Gaza. Abu Baker anima a quen queira axudar a que os xornalistas de Gaza continúen a realizar o seu traballo a contribuír economicamente co Fondo Internacional de Seguridade que ten posto en marcha a Federación Internacional de Xornalistas (FIP). Neste momento, as tendas de campaña e o equipo para durmir son a prioridade, logo de que xa se distribuíran material de primeiros auxilios e baterías para poder seguir a traballar cos constantes cortes de enerxía. A FIP está a traballar xa coa Unesco para buscar a maneira de facer chegar o material aos comunicadores e comunicadoras gazatís a través do paso de Rafah. 

Cómpre lembrar que non existen actualmente profesionais estranxeiros que informen desde Gaza ou teñan permiso para accederen á zona, polo que o traballo das e dos xornalistas locais é esencial para unha cobertura que non quede unicamente na información interesada dunha das partes do conflito. A situación da profesión en Gaza é especialmente precaria mesmo para un estado de guerra. Aos 46 xornalistas palestinos asasinados desde o recrudecemento das hostilidades o pasado 7 de outubro súmanse detencións, agresións, ameazas, ciberataques, censuras, cortes de electricidade e subministros e unha nova lexislación israelí que permite o peche de medios e a incautación dos equipos. 

O Fondo Internacional de Seguridade da FIP foi creado en xaneiro de 1992 e ofrece un salvavidas aos colegas de todo o mundo que sofren violencia, ameazas e lesións como resultado do traballo que realizan, garantindo que a axuda estea a man cando sexa máis necesaria. O Fondo é único e está financiado principalmente por doazóns de xornalistas e organizacións de xornalistas, e ofrece asistencia humanitaria e solidariedade a xornalistas e profesionais dos medios de todo o mundo, sexan ou non membros dos sindicatos da FIP. Ata novo aviso, todas as doazóns ao Fondo van utilizarse para axudar ás e aos xornalistas en Gaza, a non ser quen doe especifique o contrario.

CPXG