Os sindicatos ameazan cunha folga en BBC News en contra dos recortes de emprego

Os grupos sindicais da BBC anunciaron unha folga para o próximo mes tras constatar a imposibilidade de chegar a un acordo coa dirección sobre os recortes de emprego en BBC News.
Sindicatos e dirección reuníronse para negociar os despedimentos impostos pola cadea, que afectarán a 108 traballadores desta división.

Os sindicatos formularon ós responsables do grupo público británico unha oferta final para que abandonen estes recortes, que se integran nun proxecto de aforro de gastos impulsado polo director xeral Mark Thompson.

O acordo non foi posible, polo que a Unión Nacional de Xornalistas anunciou medidas de presión. Comezarán posiblemente o próximo mes, cunha folga de 24 horas, informa The Guardian na súa edición en Internet.

Os recortes inclúen a dous dos traballadores de Newsnight, entre eles o editor político Martha Kearney e o veterano xornalista Michael Crick. Os traballadores deste espazo escribiron unha misiva ó editor Peter Barron asegurando que non van cooperar cos proxectos de aforro.

"É ou incompetencia ou intransixencia. Poderíase alcanzar un acordo, pero os responsables empéñanse en se encher de miseria cun proxecto que vai provocar unha folga", afirmou o secretario xeral da Unión Nacional de Xornalistas, Jeremy Dear.

Este sindicato opúxose desde o primeiro momento ós despedimentos porque non os considera "necesarios".

A política de recortes forxouse en 2005, cando se anunciou que se prescindiría de 3.780 traballadores nun prazo de tres anos. Con esta medida, a corporación pretende aforrar 511 millóns de euros ó ano.

O director xeral da cadea, Mark Thompson, detallou entón que se eliminaría 420 postos en informativos, 66 en deportes, 150 en programas dramáticos, infantis e de entretemento, 755 en rexionais, 58 en novos medios e 424 noutros programas.

MADRID
EL MUNDO