Os obradoiros contra a desinformación chegan ao IES do Porto do Son
O alumnado do Porto do Son recibiu na mañá deste mércores a formación en alfabetización mediática do Colexio de Xornalistas. A xornalista Marga Tojo foi a encargada de impartir dous obradoiros contra a desinformación dentro do programa para levar ferramentas e coñecementos contra as noticias falsas a unha decena de centros de ensino medio da Coruña, posto en marcha grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
A nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en centros de ensino da Coruña grazas ao convenio coa área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña continuou hoxe a súa andaina visitando o IES do Porto do Son. O alumnado de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato deste centro puido desfrutar de dous talleres, ás 11:10 e ás 12:30, impartidos por Marga Tojo. A rapazada sonense puido acceder así a ferramentas para detectar mellor a desinformación e poder contribuír a loita contra as noticias falsas, denunciándoas e combatendo o seu espallamento.
Especializada en políticas sociais e desigualdade, Marga Tojo forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, colectivo na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista. As súas colaboracións pasan por medios como Público, eldiario.es, Nós Diario ou a Radio Galega, e ten un mestrado en estudos de xénero e xestión de políticas da igualdade. Ademais de xornalismo, fai novela, ensaio e poesía. Como todas e todos os formadores, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.
Esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas. Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.
CPXG