Os e as xornalistas reclaman maior formación para informar sobre o cambio climático

A enquisa mundial sobre cobertura do cambio climático realizada pola FIP revela que só un de cada catro xornalistas cre que o seu medio trata de maneira axeitada a crise climática, malia a que o 82% dos profesionais enquisados están "moi preocupados" por esta cuestión. Desde a profesión reclámase formación e ferramentas para abordar esta temática.

A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de facer públicos os resultados da súa enquisa mundial sobre a cobertura do cambio climático. Os datos reflicten que aos medios de comunicación aínda lles falta moito para ter un tratamento da crise climática acorde coa súa gravidade, mentres que as e os profesionais do xornalismo precisan de formación para garantir unha mellor cobertura desta temática. 

Así, aínda que unha inmensa maioría dos xornalistas, o 82% dos enquisados, se consideren "moi preocupados" polo cambio climático, só un de cada catro pensa que o seu medio está a facer un traballo axeitado á hora de cubrir a crise climática. Máis da metade dos informadores (o 52%) non aprecian nos seus medios de comunicación un tratamento específico do cambio climático. Ademais, só o 6% afirma ter tido acceso a formación específica nesta materia, mentras que menos do 5% di contar cun departamento dedicado a informar sobre o clima.

As e os profesionais que participaron na enquisa pediron ao Equipo de Acción Climática da FIP que priorizara algunhas medidas relacionadas coa crise climática, como a formación para xornalistas nesta materia, desenvolver mellores prácticas para xornalistas que informan sobre o cambio climático, traballar xunto a outras organizacións internacionais en campañas sobre esta temática, celebrar eventos e conferencias con xornalistas con experiencia en informar sobre a crise climática, reducir as emisións de carbono da organización ou aprender máis dos propios membros da FIP sobre cómo se está a abordar o cambio climático.

A guia Proxecto Xermolo, realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC coa colaboración do Colexio de Xornalistas, e dispoñíbel en xornalistas.gal, ofrece ás e aos xornalistas galegos ferramentas para realizar unha cobertura axeitada da crise climática, así como información sobre outros temas importantes para a realización dun mellor xornalismo medioambiental.

CPXG