Os Colexios de Xornalistas reclaman en Santander a creación inmediata do Consello Xeral

  • Os decanos dos colexios de xornalistas reunidos en Santander
  • Xuntanza dos decanos dos colexios de xornalistas cos portavoces dos grupos parlamentarios cántabros
  • O presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, recibe aos decanos de xornalistas
  • Sinatura do Manifesto para impulsar o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, que agrupa a once órganos colexiais tras a incorporación onte dos Colexios de Aragón e Cantabria, reclama ao Goberno de España a creación inmediata do Consello Xeral de Xornalistas, un paso imprescindíbel para a articulación do bo xornalismo estatal. 

Coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, os decanos da Rede de Colexios reuníronse en Santander, onde asinaron un Manifesto no que se recolle esta “petición histórica” que desde o ano 2005 ven realizándose de forma continuada.

A Rede lembra que a inexistencia deste órgano incumpre a Lei 2/1974, de 13 de febreiro, de Colexios Profesionais, que no seu artigo 4.4 estabelece que “cando estean constituídos varios colexios da mesma profesión de ámbito inferior ao nacional existirá un Consello Xeral”.

Existen varios colexios constituídos desde hai xa 22 anos, e durante este tempo foron numerosas as ocasións nas que se trasladou a necesidade da creación do Consello Xeral.

O Col•legi de Periodistes de Catalunya e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, os dous primeiros creados, xa o solicitaron en 2005 e 2007, obtendo só silencio da administración. A raíz do nacemiento do Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia creouse en 2010 a Comisión Promotora do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Xornalistas de España, que retomou a petición. Coa aparición na última década de colexios en Andalucía, o País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Asturias e Navarra, reunidos na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas desde o 2018, intensifícase a reivindicación para conseguir este necesario órgano.

No Día Mundial da Liberdade de Prensa, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas quere insistir no papel do xornalismo como un alicerce necesario para garantir unha sociedade plural, libre e democrática. O compromiso das institucións con estes valores, polo tanto, debe pasar polo respecto e a atención ás necesidades lexislativas e administrativas da profesión. A dilación na creación do Consello Xeral de Xornalistas ou na aprobación do Estatuto do Xornalista representa unha deixadez de funcións da administración intolerábel, que redunda no deterioro do dereito á información de toda a cidadanía. 

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituiuse o 14 de xuño de 2018 e, coa adhesión hoxe dos Colexios de Aragón e de Cantabria, está formada por once colexios profesionais de xornalistas (Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas