Os colexios de xornalistas chaman a participar na manifestación en defensa da CRTVG

Os colexios profesionais de xornalistas de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, Murcia, Navarra, o País Vasco e A Rioxa quieren expresar o seu apoio á manifestación "Por unha CRTVG ao servizo do pobo", convocada polo Comité Intercentros da radiotelevisión pública galega, xunto a ducias doutros colectivos. A marcha terá lugar o próximo domingo 6 de novembro en Santiago de Compostela.

Os colexios de xornalistas xa deixaron clara a súa postura sobre os medios de comunicación públicos en marzo de 2019, nun manifesto no que reivindicaban a necesidade de que teñan como principios rectores a calidade, a profesionalidade, a independencia, a pluralidade e a viabilidade. Estes alicerces, precisos para calquera medio público, sexa de carácter estatal, autonómico ou local, son os principios rectores esenciais para conseguir unha información libre e ao servizo dos valores democráticos, que non estea pregada, como desgrazadamente é habitual, aos intereses políticos do momento.

Entendemos que estas reivindicacións dos colexios de xornalistas son tamén as dos convocantes da manifestación, que reclama unha Corporación Radio e Televisión de Galicia cuxos contidos estean destinados “a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas e a calidade da propia democracia”. 

Por todo iso, e valorando moi positivamente o papel da sociedade civil en defensa da independencia dos medios e a liberdade de información, os colexios profesionais de xornalistas fan un chamamento a participar nesta marcha e manifestan publicamente o seu apoio á mesma e ás súas reivindicacións.

Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía
Colegio Profesional de Periodistas de Asturias
Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria
Colegio Profesional de Periodistas de Castilla y León
Col·legi de Periodistes de Catalunya
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Colegio Oficial de Periodistas de la Región de Murcia
Colegio Navarro de Periodistas-Nafarroako Kazetarien Elkargoa
Colegio Vasco de Periodistas-Kazetarien Euskal Elkargoa
Colegio Profesional de Periodistas de La Rioja