Obrigan a demitir ó director de Le Journal Hebdomadaire

Reporteiros sen Fronteiras séntese consternada ó coñecer a demisión, o 18 de xaneiro de 2007, de Aboubakr Jamai, director de publicación de Le Journal Hebdomadaire; unha decisión que adoptou obrigado, e que vén a confirmar o notable estrago que existe na liberdade de prensa en Marrocos.
"Para todos cantos seguen con atención o panorama mediático marroquí, a marcha de Aboubakr Jamai representa unha perda importante. Marca o final dunha época na que, a pesar das dificultades, parecía posible facer avanzar a liberdade de expresión. Agora esa esperanza, aínda que non desaparecese totalmente, é cada vez máis tenue. Na persoa de Aboubakr Jamai, Reporteiros sen Fronteiras despide non só a unha gran profesional, senón tamén a un home valente, con conviccións e íntegro. Todos cantos son sensibles á loita pola liberdade de prensa, en Marrocos e noutras partes, saben o que lle deben", declarou a organización.

A demisión de Aboubakr Jamai impuxose como única solución para aliviar ó periódico dunha multa, que non está en condicións de pagar. Condenado a título persoal en abril de 2006 por 'difamación', o xornalista non dispón do diñeiro necesario para pagar a suma que se lle esixe. En consecuencia, as autoridades poderían terse incautado dos fondos e bens do periódico, o que o levaría a unha morte certa.

Contactado por Reporteiros sen Fronteiras, Aboubakr Jamai sinalou que a súa única motivación foi a continuidade do periódico. "Seguir sendo director, e xa que logo responsable legal de Le Journal Hebdomadaire, significa pór en perigo a súa supervivencia. Non se trata dunha ameaza hipotética porque xa se materializou en 2004, cando as autoridades procederon a vender bens do periódico e se incautaron dos seus fondos directamente na distribuidora Sapress, tras unha primeira condena xudicial", declarou o xornalista.

En decembro de 2006, e por dúas veces, dous funcionarios xudiciais se presentaron nos locais de Le Jorunal Hebdomadaire reclamando a suma de tres millóns de dirhams (270.000 euros) que, en concepto de danos e perdas, en abril de 2006 foron condenados a pagar Aboubakr Jamai e un dos seus antigos xornalistas. O ESISC (Centro Europeo de Investigación, Análise e Consello en Materia Estratéxica) querelouse contra o semanario tras a publicación, na edición do 3 de decembro de 2005, dun dossier que cuestionaba a obxectividade de un dos seus estudos sobre o Polisario, un movemento secesionista do Sáhara Occidental.

Creado en 1997, Le Journal Hebdomadaire, que non cesou de romper tabúes e rebordar os límites marcados pola monarquía, viuse atacado frecuentemente. Nos últimos anos, a redacción pasou por todo: celoso control fiscal, boicot publicitario e tamén actuacións xudiciais en serie. O último exemplo no tempo é a anulación, en xaneiro de 2007, da campaña publicitaria dun novo operador telefónico do reino, cando Le Journal Hebdomadaire xa recibira o encargo, e inserido un primeiro encarte na súa última edición. A guisa de explicación, o operador dixo que recibira "instrucións".

MARROCOS
RSF