O último obradoiro aberto sobre tratamento da violencia de xénero impártese o sábado 17 de outubro na Coruña

Obradoiro celebrado en Vigo o pasado 3 de outubro

O vindeiro sábado 17 de outubro, entre as 10:30 e as 13:30, vai celebrarse na Sala Multiusos do Centro Cívico CIdade Vella o último dos obradoiros abertos e gratuítos sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, impartido por Fátima Frieiro, que ten aberta a inscrición en liña. Esta actividade é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026, e está organizada dentro do proxecto do CPXG que xa levou esta formación ás redaccións dalgúns dos principais medios galegos, ademais de a dous obradoiros abertos para xornalistas en Vigo e Santiago nas pasadas semanas. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, coa realización do último dos tres obradoiros gratuítos que buscan achegar a formación a profesionais que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións ou a xornalistas dos grandes medios que non puideron asistir aos talleres anteriores. Neste caso, a formación vai ter lugar na Sala Multiusos do Centro Cívico CIdade Vella (Rúa Veeduría, 2) da Coruña o sábado 17 de outubro, en horario das 10:30 ás 13:30.

O obradoiro vai estar impartido por Fátima Frieiro. Frieiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Márketing e Comunicación Política. Leva case dúas décadas exercendo o xornalismo na prensa escrita en cabeceiras como Diario de Arousa (da que é actualmente redactora xefa) e anteriormente en Diario de Pontevedra ou Faro de Vigo. Tamén participa habitualmente no faladoiro de Radio Arosa Cadena Ser. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.

Para poder asistir a este obradoiro é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación. 

O programa

Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis, dos que xa se realizou o primeiro no Diario de Pontevedra, ademais de dous obradoiros abertos en Santiago e Vigo. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026. 

A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".

CPXG