O TS obriga á CRTVG a readmitir ou indemnizar unha traballadora que acumulou máis de 150 contratos

Un auto do Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza do TSXG que condenaba á CRTVG a readmitir ou indemnizar como despedimento improcedente a unha operadora de cámara que chegou a ter 152 contratos entre o 2012 e o 2019. A corporación interpuxera un recurso de casación contra aquel veredito, que apreciaba "fraude contractual" na sucesión de contratos e "características de indefinida" na relación laboral, pero o Supremo ratificou a sentenza en favor da traballadora.  

Segundo informa Praza Pública, O Tribunal Supremo (TS) vén de ratificar e facer firme unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola que se condena á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a readmitir ou indemnizar como despedimento improcedente a unha traballadora que acumulou un total de 152 contratos ao longo dunha década. O xulgado do social de Santiago e o TSXG xa apreciaran "fraude contractual" na situación desta operadora de cámara, e este último condenou á corporación a readmitila ou considerar o despedimento como improcedente, pero a sentenza foi recurrida pola CRTVG ante o Supremo, que agora ratificou o veredicto favorábel á traballadora. 

En concreto, a traballadora tivo 14 contratos temporais como operadora de cámara de primeira entre finais de 2002 e mediados de 2006, e outros 151 contratos entre comezos de 2008 e o 29 de marzo de 2015. O 4 de agosto de 2015 asinou un novo contrato, de relevo, que durou até agosto de 2019. Foi ao rematar este último contrato cando reclamou ser recoñecida como indefinida desde o 2008. A primeira sentenza sobre o caso, dun xulgado do social de Santiago de Compostela, apreciou “fraude contractual na maioría” dos contratos,mais rexeitou recoñecer a improcedencia e a antigüidade ao considerar que non existía antigüidade por teren pasado catro meses entre o remate dos 151 primeiros contratos e o último, tras o que se produciu a denuncia.

Recorrido este veredito pola traballadora ante o TSXG, este tribunal reiterou o carácter fraudulento da sucesión de contratos, pero ademais considerou "que a relación laboral presenta características de indefinida” desde o ano 2008, polo que o cesamento final do contrato no 2019 "é constitutivo de despedimento improcedente". Este foi o veredito ante o que a CRTVG interpuxo recurso de casación, rexeitado agora polo Tribunal Supremo, que ratifica a sentenza do TSXG e condena á Corporación a readmitir a traballadora  ou concederlle unha indemnización como despedimento improcedente.

CPXG