O Tribunal Supremo avala a veracidade e interese xeral dunha información baseada na lista Falciani

A Sala do Civil do Tribunal Supremo rexeitou o último recurso contra unha reportaxe emitida en La Sexta, que informaba da conta en Suíza dunha executiva da empresa farmacéutica comercializadora da medicación contra a hepatite C. A peza, baseada na lista de evasores fiscais coñecida como "lista Falciani", é considerada como veraz e de interese xeral por parte do alto tribunal. 

A Sala do Civil do Tribunal Supremo vén de rexeitar definitivamente o recurso da executiva dunha empresa farmacéutica suíza, que reclamaba unha indemnización por unha reportaxe sobre ela emitida en La Sexta, realizada a partir do contido da coñecida como "lista Falciani". A sentenza pecha o percorrido xudicial desta demanda e avala a veracidade das informacións baseadas na lista de evasores fiscais entregada ás autoridades españolas polo informático Hervé Falciani, cuxo uso na vía penal xa tiña sido aceptado.

Os feitos remóntanse á emisión dunha reportaxe en La Sexta en febreiro de 2015, que informaba sobre unha conta en Suíza con case 2,7 millóns de euros ligada á familia de María Coronado Galdós, senior product manager nos laboratorios Gilead, empresa comercializadora dun medicamento contra a hepatite C que estaba a causar polémica naquela altura pola súa distribución no noso país. Coronado Galdós demandou á canle de Atresmedia por esta información, alegando que non era veraz, que relacionaba o seu posto en Gilead con esa conta bancaria e que revelaba datos persoais tanto dela como da súa familia.

Nun primeiro momento, o xulgado 35 de Madrid deulle a razón á demandante, e condenou a La Sexta ao pagamento dunha indemnización de 120.000 euros, pero a Audiencia Provincial anulou a condena, asegurando que a información era "veraz" e que ostentaba "relevancia pública". Esta decisión é agora a que confirma o Tribunal Supremo, dando carpetazo ao último recurso, aínda que a demandante aínda podería levar o caso ao Tribunal Constitucional.

A sentenza do Supremo explicita que as distintas informacións publicadas por La Sexta tiñan interese xeral e veracidade, e que non se encontran nelas nin expresións obxectivamente ofensivas nin intromisións ilexítimas no honor da demandante. Tampouco se aprecian vulneracións dos dereitos á intimidade ou á propia imaxe que poidan xustificar unha limitación do dereito á información.

CPXG