O traballo das xornalistas en América enfróntase ao acoso sexual e a discriminación de xénero

O informe Mujeres Periodistas y Salas de Redacción: avances, desafíos y recomendaciones para prevenir la violencia y luchar contra la discriminación, realizado pola Relatoría Especial para a Liberdade de Expresión da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos debuxa unha situación laboral das mulleres xornalistas americanas marcada pola discriminación e as violencias de xénero nas redaccións. O documento propón a creación de organismos e estratexias específicas nos medios de comunicación para avanzar na prevención das agresións e na consecución da igualdade.

A Relatoría Especial para a Liberdade de Expresión (RELE) da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos vén de facer público o seu relatorio Mujeres Periodistas y Salas de Redacción: avances, desafíos y recomendaciones para prevenir la violencia y luchar contra la discriminación, que documenta a condición das mulleres xornalistas nos medios de comunicación americanos, marcada polos obstáculos e a violencia, e propón solucións para erradicar as agresións e as discriminacións de xénero.

A RELE detalla as distintas discriminacións por cuestións de xénero nas redaccións americanas, entre as que se contan a subrepresentación das mulleres, a segregación horizontal, a fenda salarial e a precarización laboral, o teito de cristal, a discriminación cara ás mulleres que exercen roles de coidados e os patróns de discriminación interseccional. Entre o 43% de mulleres xornalistas (na Arxentina) e o 92% (en Costa Rica) denuncian a existencia de discriminación por razón de xénero. Malia ao aumento de mulleres xornalistas no continente, estas seguen a ter unha peor remuneración, máis carga de traballo e menos oportunidades para acceder a determinados postos, seccións ou responsabilidades”. Unha situación que se ve agravada se á condición de muller se suman outros factores causantes de discriminación como a idade, a orixe étnico-racial, a orientación sexual, a expresión de xénero, a orixe nacional ou a discapacidade.

Ademais desta discriminación de xénero, o informe recolle como "as mulleres xornalistas e as traballadoras dos medios de comunicación da rexión están expostas a actos de violencia sexual e/ou acoso sexual nas redaccións e/ou no interior dos medios de comunicación". O 67,1% das xornalistas en Colombia reportaron situacións de acoso sexual e en Brasil, o 70% ten coñecemento de situacións deste tipo no ámbito laboral exercidas por compañeiros varóns ou superiores xerárquicos. E a situación é aínda peor cando se refire a outro tipo de violencias: 9 de cada 10 xornalistas mulleres brasileiras escoitaron bromas ou comentarios con contido sexista e o 73.4 % das colombianas afirmaron ter vivido situacións de violencia psicolóxica. 

Fronte a esta situación, o relatorio alerta da falta de protocolos ou regulamentos internos para garantir a igualdade e a protección das xornalistas e, aínda que se observan algúns avances, as profesionais salientan que as denuncias neste sentido son moitas veces menosprezadas. Por iso, a RELE considera que os medios deben "estabelecer políticas internas con disposicións específicas en materia de violencia e discriminación baseada en xénero, con énfase no acoso laboral e sexual", así como "procedementos internos e mecanismos independentes de denuncia e rendición de contas, que garantan os dereitos das mulleres xornalistas". Insístese en que estas medidas de igualdade deben ser vistas como un obxectivo estratéxico clave e transversal a toda a organización, designando a unha persona como responsábel directa da súa implementación e estabelecendo metas específicas. Reclámase tamén a creación de estratexias contra a discriminación por xénero nos medios, como a posta en marcha de cotas onde as mulleres estean subrepresentadas ou a priorización feminina cando dúas candidaturas a un posto de responsabilidade teñan igual cualificación. No que fai á violencia de xénero, a RELE pide unha actitude de “cero tolerancia", cun espazo responsábel da abordaxe das denuncias deste tipo de actos e un compromiso explícito pola súa erradicación.

CPXG