O secuestro do xornalista Roman Protasevich pon o foco sobre os ataques á liberdade de prensa en Belarús

O domingo 23, o goberno de Belarús desviaba un voo comercial para deter o xornalista disidente Roman Protasevich e a súa compañeira, Sofia Sapega. O "secuestro de estado", inaudito, provocou a indignación internacional, pero tamén serviu como chamada de atención hacia a situación da liberdade de prensa no país, a peor de toda Europa e unha das máuis deterioradas do mundo, con decenas de xornalistas privados de liberdade. 

O pasado domingo, as autoridades bielorrusas obrigaban a aterrar de emerxencia en Minsk a un avión da compañía Ryanair que facía a ruta Atenas-Vilna asegurando que existía una "potencial ameaza de seguridade". Unha vez no aeroporto, os servizos secretos non atoparon ningún explosivo no aparato, pero aproveitaron para deter o xornalista Roman Protasevich, perseguido polo réxime de Aleksandr Lukashenko, ademais de a súa compañeira, Sofia Sapega.  A inaudita detención, para a que se desviou un voo comercial dunha compañía europea que viaxaba entre dúas capitais da Unión Europea, provocou a indignación internacional e especialmente no seo da UE, que calificou o acto de "secuestro de estado". Protasevich reapareceu a noite do luns nun vídeo no que recoñecía culpábel das acusacións do Goberno de Belarús (organizar protestas en Minsk) e aseguraba estar a ser ben tratado polas autoridades, pero sobre no que numerosas voces viron posíbeis torturas e presións.

O incidente está a pór no foco da comunidade internacional a sítuación da liberdade de prensa en Belarús, que Reporteiros Sen Fronteiras sitúa no posto 158 da súa clasificación mundial, a peor entre os países europeos. Na actualidade, segundo a Bielaruskaja Asacyjacyja Žurnalistaŭ (Asociación de Xornalistas de Belarús), trinta e catro xornalistas ou persoal dos medios atópanse privados de liberdade no país, entre eles Daria Chultsova e Katerina Bakhválova, que foron candidatas á edición deste ano do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O pasado xoves 20, as autoridades bielorrusas bloqueaban o acceso ao portal independente de noticias con máis seguidores do país, tut.by, logo de rexistrar a súa sede en Minsk e procesar aos responsábeis do medio. E esta mesma semana Lukashenko asinaba unha lei que prohibe informar das protestas non autorizadas ou mesmo publicar resultados de enquisas de opinión sen a autorización do goberno. 

O secuestro de Roman Protasevich e Sofia Sapega recibiu a condena de organismos internacionais como a ONU, a OTAN ou a Unión Europea, así como de organizacións como Amnistía Internacional, a Federación Internacional de Xornalistas ou Reporteiros Sen Fronteiras. O Colexio de Xornalistas, como non podía ser doutro xeito, súmase á condena da profesión e únese aos chamamentos en defensa da liberdade de prensa e de expresión para todos os profesionais da comunicación que traballan en Belarús. 

CPXG