O rexistro galego NRede suma xa dezanove medios inscritos

O rexistro NRede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa a incluír novos medios dixitais interesados en garantir o seu traballo xornalístico co selo de Medio Dixital Galego. Coa nova incorporación de El Diario de Arteixo, xa son dezanove as cabeceiras acreditadas coa certificación que garante que a súa información é froito dun traballo profesional. Os medios interesados seguen a poder solicitar a súa inscrición, gratuíta se a tramita unha persoa colexiada.

NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos, foi posto en marcha en febreiro deste ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para pór en valor os medios dixitais galegos fronte á aparición de espazos na rede que tentan facerse pasar por xornalísticos sen selo. NRede ofrece á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos. As cabeceiras incluídas en NRede contan cun selo que poden visibilizar nas súas páxinas web, ademais de apareceren na web do rexistro.

Esta semana foi acreditado co Selo de Medio Dixital Galego o medio dixital El Diario de Arteixo, que acompaña así ás cabeceiras La Alacena RojaEcos da Comarca,  Ferrol360Galicia ConfidencialGaliciapressGCDiarioGCienciaLugo XornalMundiarioPontevedra VivaPraza PúblicaTempos DixitalO TinteiroXornal da MariñaXornal de BueuXornal da CoruñaXornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede. En total, son dezanove xa os medios galegos que forman parte de NRede, con representantes do mellor xornalismo dixital que cobren información desde as sete cidades galegas, ademais de desde comarcas como A Mariña, o Deza ou Lemos. 

Como inscribirse en NRede

Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas. O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica. A inscrición é gratuíta para colexiados e colexiadas.

Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG