O obradoiro do CPXG e a Deputación da Coruña ′Contar con Todas′ converte as aulas do IES Rafael Puga nunha redacción

Sesión do obradoiro de hoxe, martes 8 de xaneiro

O obradoiro Contar con Todas, posto en marcha no IES Rafael Puga Ramón polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Deputación da Coruña, anima ao alumnado de 3º e 4º da ESO a producir a súa propia información cun enfoque de xénero. Os contidos xornalísticos que realicen os rapaces e rapazas estarán dispoñíbeis en Instagram.

O obradoiro Contar con Todas, que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia está a impartir co apoio da Deputación da Coruña no IES Rafael Puga Ramón a alumnado de 3º e 4º da ESO, ten como obxectivo que as rapazas e rapaces que comezan a formarse a súa opinión do mundo a través dos medios de comunicación, entre outras vías, saiban diferenciar as informacións ben elaboradas e enfocadas. A actividade tamén busca que saiban elaborar novas con perspectiva de xénero. 
 
Para iso, o primeiro paso deste obradoiro foi abordar con elas e eles as materias básicas sobre as cuestións de xénero, o sistema patriarcal e o machismo que os rodea no día a día. Así mesmo, nunha segunda sesión a aula converteuse nunha redacción para que entendan como traballan as e os profesionais do xornalismo os contidos que chegan á sociedade. 
 
Neste contexto, teñen a oportunidade de traballar en grupos sobre un tema da súa escolla coa intención de que produzan un contido xornalístico con estas ferramentas. A canle de comunicación para os traballos do alumnado será a conta de Instagram de Contar con Todas, un soporte que dominan e para o que terán que crear un contido orixinal con textos, fotos, vídeos ou audios. 
 
A elección dos temas xera un debate na aula no que ven os enfoques machistas que viron con exemplos reais, para que non os reproduzan. Desta maneira, analizan, por exemplo, por que é erróneo centrar unha reportaxe na importancia do fútbol masculino fronte ao feminino; pois esa importancia percibida vén determinada pola visibilidade que unha disciplina ten nos medios fronte á outra. Así, reformulando o enfoque pódese traballar sobre por que se pode entender que o fútbol masculino ten máis peso que o feminino a partir do tratamento informativo ou sobre por que ten máis espazo nos medios de comunicación. 
 
A diversidade de temas que van xurdindo entre os diferentes equipos de traballo formados na aula vai desde a fenda salarial, ata como evolucionou o papel da muller na sociedade, pasando polas diferencias entre as mulleres deportistas profesionais a respecto dos seus compañeiros homes ou de que maneiras xogan a videoxogos as rapazas e rapaces da súa contorna.
 
CPXG