O novo sistema operativo de Microsoft chega rodeado de polémica

O martes 30 sae á venda para os usuarios domésticos a nova versión do sistema operativo de Microsoft, Windows Vista, cinco anos despois do lanzamento do XP.
A empresa norteamericana domina na actualidade o mercado do software, pois ten instalada algunha das versións do seu Windows no 95 por cento dos computadores do mundo, e aspira a que os usuarios se actualicen ao Vista. Microsoft asegura que o novo sistema é máis seguro, máis avanzado e máis atractivo visualmente, pero os seus detractores non están de acordo, e mesmo afirman que podería ser ilegal en Europa.

Para comezar, as elevadas esixencias do Vista en memoria e potencia de proceso só permitirán que as máquinas máis avanzadas o poidan facer funcionar. Malia isto, moitos dos novos ordenadores xa incluirán preinstalado o novo sistema. Ademais, o comité europeo de sistemas interoperativos (ECIS), formado por empresas rivais de Microsoft, asegura que a firma norteamericana está a ignorar o ditame da Comisión Europea no ano 2004. Daquela, decidírase que Microsoft estaba a propiciar unha situación de monopolio contra os seus competidores, algo que se podería estar a repetir co Vista.

Outra das críticas contra o novo sistema operativo é que inclúe restricións á reprodución de contidos dixitais. O coñecido como DRM, que algúns detractores de Microsoft ven como unha concesión ás grandes multinacionais, chega a degradar a visión de arquivos protexidos para evitar a súa copia ilegal. Por se fora pouco, os esforzos do sistema por cifrar os contidos mediante un uso intensivo do procesador fan que o seu rendemento diminúa radicalmente en comparación cos sistemas rivais, que poden funcionar en ordenadores máis económicos. É o caso do MacOS de Apple, ou o GNU/Linux. Este último parte coa vantaxe do software libre, xa que se pode conseguir de balde, en contraste co elevado prezo do Windows Vista, que pode custar até os 360 euros por licenza.

SANTIAGO DE COMPOSTELA