O Goberno exclúe da súa Axenda da Comunicación ós medios dixitais

O Goberno do PSOE segue ignorando na súa Axenda da Comunicación ós medios dixitais, a pesar de ser consultados a diario por millóns de españois. En Galicia, a Xunta, gobernada por PSOE e BNG, non practica este tipo de política sectaria.
Esta semana o PP sumouse ás denuncias pola ausencia de medios electrónicos como Xornal.com na Axenda da Comunicación da Moncloa, sen que o Goberno acerte a dar explicacións coherentes.

A portavoz do Partido Popular na Comisión da Sociedade da Información e o Coñecemento do Senado, Mercedes Coloma, criticou ó Goberno por "incumprir a súa promesa" de incluír ós medios dixitais da Axenda da Comunicación 2007, o que cualificou de "falta de respecto" para os millóns de usuarios destes medios de información.

Coloma cargou contra o secretario de Estado de Comunicación, Fernando Moraleda, e censurou que na Axenda non aparecesen reseñados os medios dixitais, algo, ó seu xuízo, "incrible para unha guía eminentemente práctica, moi consultada por todo tipo de profesionais, que busca recoller todos os medios de comunicación que existen en España", entre eles Xornal.com.

Entrementres, a Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) uniuse ó acordo alcanzado pola Asociación da Prensa de Madrid coas empresas de press-clipping, en virtude do cal estas aboarán 0,04 euros en concepto de remuneración equitativa dos dereitos dos autores por cada artigo xornalístico reproducido nas súas revistas de prensa.

A FAPE subrógase a todas as cláusulas firmadas pola APM coas empresas de press-clipping, polo que o acordo xa alcanza á totalidade do territorio español. A FAPE está integrada actualmente por 45 asociacións da prensa, cun censo próximo ós 13.000 socios.

Na Axenda da Comunicación que veta, de momento, ós medios dixitais de España aparecen:

- Servizos de Prensa Oficiais
- Administración do Exterior
- Organismos Internacionais con sede en España
- Prensa Nacional
- Prensa Estranxeira
- Radios e Televisións Nacionais
- Radios e Televisións Estranxeiras
- Partidos Politicos e Organizacións Empresariais
- Organizacións Profesionais no Area da Comunicación.

XORNAL.COM
Madrid/A Coruña