O Goberno anuncia un plan de axudas para a dixitalización dos medios de comunicación

Nadia Calviño asegurou que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vai pór en marcha un programa de axudas para a dixitalización dos medios e a súa ciberseguridade, logo de constatar que a comunicación non estaba a recibir un apoio dos fondos europeos equivalente ao de outros sectores. O plano, que aínda se atopa nunha primeira fase, abrirá axiña cunha consulta pública para que as empresas informen das súas necesidades de inversión ou proxectos preferentes.  

A finais da semana pasada, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, declaraba que o Goberno está a traballar nun programa de axudas para que os medios de comunicación melloren a súa transformación dixital aumentando as súas capacidades de ciberseguridade. Calviño facía este anuncio na clausura del 37º Encontro da Economía Digital e as Telecomunicacións organizado por AMETIC en Santander, onde aseguraba tamén que "identificamos que os medios non estaban a recibir un apoio comparábel a outros sectores" dos fondos europeos e as axudas á dixitalización, polo que se viu a necesidade de realizar un plan específico para eles. 

O plano atópase aínda nunha primeira fase polo que a vicepresidenta non quixo adiantar a contía da partida destinada a tal fin nin outros detalles como se as subvencións van provir do programa Kit Dixital, pero si anunciou que nos vindeiros días o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital abrirá unha consulta pública para que as empresas do sector poidan presentar suxestións sobre as necesidades de inversión ou os sectores prioritarios que poderían financiar estas axudas, así como para adiantar o tipo proxectos que quererían desenvolver, para que así poder "articular un programa da forma máis eficaz posíbel". 

Calviño apuntou que apoiar a transformación dixital e a seguranza dos medios de comunicación significa unha prioridade "non só pola súa contribución á economía, senón tamén ao bo funcionamento da nosa democracia". 

CPXG